Rivo pon en valor en Bruxelas as políticas da Xunta para apoiar á cidadanía ante a nova era dixital e salienta os avances de emprego co uso da intelixencia artificial

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, rematou hoxe a súa viaxe a Bruxelas coa súa intervención na mesa sobre dixitalización e o futuro do traballo no marco do European Employment & Social Rights Forum 2023

Sinalou a importancia de saber aproveitar as oportunidades que brinda a nova era dixital e destacou que a nova ferramenta EMi permite coñecer o que a persoa sabe facer e ver o seu encaixe no mercado laboral

Rivo mantivo tamén un encontro co comisario de Emprego, Nicolas Schmit, e coa directora de Estratexia e Análise Económica da Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e PEME da Comisión Europea, Outi Slotboom, para falar das iniciativas de emprendemento en Galicia

Bruxelas, 16 de novembro 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, rematou hoxe a súa viaxe a Bruxelas coa súa intervención na mesa sobre dixitalización e o futuro do traballo no marco do European Employment & Social Rights Forum 2023, no que estivo acompañada pola ministra de Transformación Dixital e viceministra para a integración na UE de Ucraína, Valeriya Ionan. Neste foro presentou a nova ferramenta baseada na intelixencia artificial, EMi, que a Xunta está a implantar con éxito na súa rede de oficinas de emprego, co reto de casar oferta con demanda para dar resposta ás necesidades do mercado de traballo.

A ferramenta na súa versión actual permite realizar perfís, recomendar ocupacións alternativas, buscar formacións axeitadas e avaliar o estado do mercado de traballo por áreas xeográficas a distintos niveis; e nun futuro agárdase que esta ferramenta poida ter a capacidade de asumir as ofertas laborais publicadas en distintos portais webs, avaliar a oferta laboral para detectar ocupacións e competencias emerxentes e a capacidade de apoiar o deseño das políticas de emprego en base á predición do comportamento futuro do mercado de traballo.

Emprego Intelixente -EMi-, en palabras de Rivo, permite coñecer o que a persoa sabe facer e ver o seu encaixe no mercado laboral.

A conselleira indicou que na Xunta se traballa no deseño de programas dirixidos á formación e recualificación das persoas traballadoras para que poidan estar mellor preparadas para desenvolver os empregos do futuro; e insistiu na necesidade de ser capaces de aproveitar as oportunidades que brinda a nova era dixital. “A tecnoloxía ten que ser a nosa aliada”, apuntou.

Na súa intervención no foro, Rivo destacou, ademais, que a Xunta está centrada no deseño de políticas en todos os ámbitos, non só no emprego, para apoiar á cidadanía a enfrontar a nova era tecnolóxica.

Así, puxo en valor a formación en habilidades dixitais coa execución de programas que promoven a alfabetización e a capacidade dixital en todas as idades; o investimento en formación e na reciclaxe profesional dos traballadores porque as empresas están demandando novos perfís profesionais adaptados á nova era dixital; a aposta polas novas tecnoloxías para manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores e a planificación urbana e do rural, xestionándoa dun xeito máis sustentable; e o uso tamén das ferramentas dixitais no ámbito social para desenvolver solucións inclusivas e responsables.  

Destacou que en Galicia se está a facer fronte á transición demográfica que se une á transición verde e dixital e, neste senso, apuntou que é preciso anticiparse ás necesidades do mercado, ás demandas das empresas e coñecer as capacidades da poboación a través da colaboración público-privada. Expuxo que en Galicia se están a desenvolver instrumentos de cooperación específicos cos principais clústeres e asociacións empresariais para reter o talento e capacitar ás persoas en función das necesidades das empresas.

 

Os polos, un modelo para a UE

Na xornada de hoxe, a conselleira mantivo, ademais, un encontro co comisario de Emprego, Nicolas Schmit, que hai unhas semanas estivo en Galicia visitando o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Silleda; e previamente coa directora de Estratexia e Análise Económica da Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e PEME da Comisión Europea, Outi Slotboom, para falar das iniciativas de emprendemento en Galicia. Neste senso, destaca a Rede de polos de emprendemento que a Administración autonómica está a despregar por toda Galicia, un proxecto polo que se mostrou moi interesada a representante da Comisión Europea, salientando que é un exemplo para replicar na Unión Europea.

 

Rivo, ademais, expuxo a idea da Xunta de dar cabida na comunidade a nómadas dixitais ou profesionais en remoto a través de espazos co-living, que engaden aos servizos de coworking a posibilidade de residir no espazo de xeito temporal. O obxectivo desta iniciativa é seguir dinamizando o rural galego, xerando actividade económica dun modo sostible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023