O conselleiro do Mar realizou estes contactos na segunda xornada da 51ª Asemblea xeral do organismo que se celebra en Saint-Malo, Francia

Galicia comeza a traballar co fin de crear unha gran fronte común das rexións europeas e do Reino Unido onde o sector marítimo-pesqueiro é estratéxico

O titular de Mar estreita a alianza con Daniel Cueff, o seu homólogo na Bretaña francesa, co que desde o mércores comparte a presidencia do grupo de traballo especializado dos 24 Estados e 150 rexións integradas na CRPM

Alfonso Villares manifestou que desde esta posición se poderá trasladar da mellor forma posible a defensa dunha actividade que é fundamental para a comunidade galega e que o fará sempre da man dun sector canso de vetos e atrancos
 

Saint-Malo (Bretaña, Francia), 15 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, intensificou hoxe os contactos durante e a participación nas sesións durante a segunda xornada da 51ª Asemblea xeral da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) que se celebra en Saint-Malo, en Francia, co fin de articular unha gran fronte común do conxunto das rexións europeas e británicas nas que o sector marítimo-pesqueiro é esencial e estratéxico. Esta cita supón unha oportunidade para acadar esta gran alianza, pois a CRPM, que celebra o seu 50 aniversario, agrupa un total de 150 rexións de 24 Estados da UE e do Reino Unido con máis de 200 millóns de habitantes. 

O representante da Xunta valorou como fundamental a presencia da comunidade neste gran foro das rexións. “Consideramos moi importante estar aquí nesta conferencia para alzar a voz en nome do noso sector marítimo-pesqueiro, na defensa dos homes e mulleres que viven e queren seguir vivindo do noso mar”, manifestou, algo para o que hoxe son fundamentais “as alianzas como esta, de todas as rexións europeas, co obxectivo común de poñer en valor o labor dos nosos mariñeiros” e a calidade dos seus produtos.

Recordou Alfonso Villares que Europa so produce hoxe o 30% do peixe que consume, polo que é fundamental garantir a soberanía alimentaria e velar porque uns profesionais que se confirmaron como esenciais durante a pandemia e son un exemplo en sustentabilidade sexan recoñecidos desde Bruxelas. “Non se lle poden continuar a poñer vetos e atrancos”, quixo sinalar á Comisión Europea. Tamén destacou que “o feito de copresidir a sección de pesca do CRPM será moi importante porque así poderemos trasladar, da mellor forma e sempre da man do sector, a defensa dunha actividade fundamental para Galicia”.           

O titular de Mar mantivo un encontro de traballo co vicepresidente de Mar e Litoral de Bretaña, Daniel Cueff, o seu homólogo na rexión gala coa que, desde o mércores, a comunidade galega comparte a presidencia do Grupo Central de Traballo Marítimo e de Pesca da CRPM, un liderado conxunto e alianza que se quixo reforzar aínda máis nesta reunión, na que tamén estivo presente o presidente do Comité de Pesca de Saint-Malo, Philippe Orveillon, analizáronse os problemas e demandas comúns dos sectores francés e galego, poñendo o foco en cuestións como o alto prezo dos carburantes ou o impacto das limitacións á pesca de fondo impostas pola Comisión Europea.

Existe plena coincidencia entre os líderes pesqueiros na CRPM en que o veto ás artes de fondo nas 87 áreas do Atlántico nororiental ou as restricións para o arrastre que se recollen no plan de acción para a conservación dos recursos pesqueiros, onde falta rigor científico e se deixan de lado as análises sobre o impacto social e económico. Tamén en que o sector precisa de un apoio máis decidido por parte de Bruxelas, en especial ante a crise que se iniciou coa pandemia e agora se mantén coa invasión rusa de Ucraína ou as crecentes tensións en Oriente medio.

Tamén se abordaron os impactos que para a actividade pesqueira e marisqueira está a ter o cambio climático e a importancia da colaboración entre o sector e os organismos e centros científicos para atopar solucións aos problemas xerados no mar, desde as maiores temperaturas da auga aos temporais cada vez máis potentes que castigan a salinidade dos océanos, especialmente en áreas como a de Galicia e as súas rías. 

Alfonso  Villares retomou a súa axenda na asemblea da CRPM coa asistencia á Comisión do Arco Atlántico, onde se profundou na Declaración de Cardiff 2023 que postula a creación dunha macrorrexión Atlántica que para Galicia estaría xustificada e ve prioritaria.

Posteriormente o conselleiro do Mar asistiu á sesión de apertura institucional da gran cita anual das rexións periféricas do vello continente e Reino Unido que contou coa participación do ex-presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, o ministro grego de Asuntos Marítimos e Política Insular, Christos Stylianides e o secretario de Estado para a Unión Europea, Pascual Navarro, e Gunn Marit Helgesen, presidenta saínte da CRPM (de Vestfold og Telemark, Noruega). Eleni Marianou, secretaria xeral da CRPM, foi a encargada de presentar o informe de actividades da organización.

No programa do responsable autonómico tamén se incluíron visitas a obradoiros, industrias pesqueiras e produtores marisqueiros locais co obxectivo de coñecer máis polo miúdo as similitudes e os retos comúns que existen para os profesionais tanto da Bretaña francesa como de Galicia, co fin de articular solucións conxuntas sempre da man do sector, tal e como apuntou Alfonso Villares.    

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 16/11/2023