A Xunta busca no Uruguai novas alianzas comerciais para seguir a potenciar a internacionalización do tecido empresarial galego

A directora do Igape, Covadonga Toca, participa en Montevideo nunha viaxe institucional que inclúe diversos encontros con empresarios, asociacións e administración pública do país

Esta viaxe enmárcase na celebración do Encontro Mundial de Empresarios Galegos no Uruguai, que ten lugar entre hoxe e o vindeiro sábado na procura de reforzar a xa importante relación comercial entre ambas rexións

As vendas ao exterior ao Uruguai presentan unha evolución ascendente nos últimos anos, incrementándose un 47,8% no último lustro ata acadar os 30M€
 

Montevideo (O Uruguai), 16 de novembro de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, participa nunha viaxe institucional a Uruguai que ten como obxectivo ampliar e mellorar as posibilidades de negocio das empresas galegas no país a través do establecemento de novas alianzas comerciais. Así, O Uruguai configúrase como un mercado cada vez máis importante para o tecido empresarial galego, tanto polo seu potencial de crecemento como polas oportunidades de negocio que ofrece en sectores como a construción, o naval ou a alimentación.

Neste sentido, a viaxe institucional enmárcase na celebración do Encontro Mundial de Empresarios Galegos no Uruguai, que organiza a Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai (AEGU), e que se desenvolverá desde hoxe e ata o vindeiro día 18 en Montevideo e en Punta del Este. Mañá está prevista a participación da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo.

Cómpre salientar que AEGU suma máis de 200 empresarios, exercendo un papel fundamental de cara a facilitar a implantación de empresas galegas no país suramericano e para reforzar os vínculos comerciais. Unha relación que segue a medrar nos últimos anos, como amosa a evolución ascendente das exportacións galegas no país, que se incrementaron un 47,8% no último lustro ata acadar os 30 M€.

A celebración do Encontro Mundial de Empresarios Galegos no Uruguai facilitará impulsar novos negocios ao contar o evento coa presenza de representantes de asociacións e delegacións de empresarios do Uruguai, Galicia, Cataluña, Estados Unidos, China, México, Paraguai, Brasil e Arxentina.

Neste marco, a viaxe inclúe tamén diversas reunións con empresarios, asociacións e administración pública do país na procura de reforzar os lazos comercias co Uruguai. Así, a directora do Igape manterá hoxe encontros con representantes da Cámara Nacional de Comercio e Servizos do Uruguai, da Cámara Metalúrxica e Cámara de Industrias Navais, e tamén con representantes do Ministerio de Relacións Exteriores do Uruguai.

A posterior celebración do Encontro permitirá afondar nas posibilidades de negocio, reforzando a alianza coas asociacións de empresarias e empresarios galegos no exterior, favorecendo tanto o incremento das exportacións galegas como a captación de investimentos cara a Galicia, xa sexa a través de empresarios e empresarias de orixe galega ou de empresariado nativo dos países onde se asentaron.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023