A Xunta impulsa o emprendemento en Navia de Suarna con achegas para a ampliación dunha área de servizo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións, que incorporan un taller de pneumáticos e mantemento de vehículos ao abeiro das axudas para investimentos en actividades non agrícolas no rural

Tamén se achegou á ‘foodtruck’ da campaña “Galicia sabe aMar”, instalada na praza da localidade
 

Navia de Suarna (Lugo), 16 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta e Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a área de servizo Salgado, en Navia de Suarna, que vén de incorporar un taller de recambio de pneumáticos e mantemento básico de vehículos grazas a unha achega do Goberno galego.

As instalacións están en mans dun emprendedor mozo, Juan Rodríguez, que diversificou o negocio para dar un servizo máis completo e gañar en competitividade. A axuda ascendeu a 25.100 euros e corresponde ao programa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -que depende da Consellería do Medio Rural- para impulsar investimentos en actividades non agrícolas no rural.

Arias explicou que o obxectivo desta convocatoria é reforzar o tecido produtivo empresarial nas zonas rurais, facilitando a adquisición de bens de equipamento que permitan ás empresas existentes mellorar, ampliar ou modernizar as súas estruturas de produción e servizos. Deste xeito, apuntou, “favorecemos o desenvolvemento das pequenas empresas, que contribúen a crear emprego e fixar poboación”.

Promoción dos produtos pesqueiros

O delegado territorial achegouse tamén á ‘foodtruck’ da campaña da Xunta Galicia sabe aMar, instalada na praza da localidade e que durante todo o día ofrece degustacións de petiscos realizados a base de produtos certificados do mar e da terra. Trátase dunha acción da Consellería do Mar para promocionar o consumo de peixes e mariscos galegos e divulgar as súas propiedades nutritivas.

As furgonetas, habilitadas con cociña completa e con placas solares que abastecen aos electrodomésticos, están a percorrer catro rutas que comprenden os municipios de toda Galicia e boa parte do territorio doutras comunidades, chegando a cidades como Madrid, Sevilla, Bilbao ou Valencia. Xa son máis de 350.000 persoas as que puideron desfrutar do mellor sabor das rías galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023