A Xunta licita o servizo de explotación e mantemento da rede de estacións de seguimento dos niveis de caudais dos ríos da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa

A Plataforma de contratos de Galicia recolle a licitación dos traballos, cun orzamento total de preto de 3,3 M€ para un prazo de execución de 5 anos

Trátase das estacións de aforos que realizan o control dos niveis de auga en 95 puntos da rede hidrográfica de competencia autonómica, que recollen a información dos caudais circulantes en tempo real

A rede actual permite o seguimento das situacións hidrolóxicas extremas, tanto inundacións como fenómenos de seca, sendo unha ferramenta básica de axuda na toma de decisións

Tamén achega información para a realización de diversos tipos de estudos, tanto por parte de Augas de Galicia, como doutras administracións públicas, universidades ou usuarios da auga

As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 29 de decembro

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar a contratación do servizo de explotación, mantemento e conservación da rede actual de estacións de seguimento dos niveis de caudais dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

A Plataforma de contratos de Galicia recolle hoxe a licitación deste servizo, cun orzamento total de preto de 3,3 M€. Os traballos obxecto desta licitación contan cun prazo inicial de execución de 24 meses e cun orzamento de algo más de 1,3 M€, incluíndose a posibilidade de prórroga dos servizos de ata 36 meses, cun orzamento estimado de máis de 1,9 M€.

A densidade da rede fluvial existente na demarcación Galicia-Costa dificulta a súa vixilancia de xeito continuado polo persoal de campo. Por isto, Augas de Galicia implantou un sistema automático de medición en tempo real dos valores de cantidade das augas superficiais continentais en determinadas zonas estratexicamente seleccionadas, que permite facer un seguimento dos fenómenos adversos, de cara a responder de xeito máis áxil ante estes.

Deste xeito, a implantación desta rede de control nos ríos da demarcación de competencia autonómica contribúen ao coñecemento da cantidade dos recursos hídricos superficiais dispoñibles, e ao control en tempo real dos caudais circulantes polos ríos, formando parte fundamental dos protocolos de seguimentos de situacións de seca e enchentes.

En liña coas distintas medidas e actuacións que a Xunta desenvolve nos ríos da demarcación de competencia autonómica, os traballos a contratar inclúen así a explotación e mantemento das estacións de aforo e dos aparatos de medida localizados nos ríos da demarcación e a realización de aforos directos nos ríos. As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 29 de decembro.

Mediante estas estacións de aforos, Augas de Galicia realiza o control da variación dos niveis de auga en tempo real en 95 puntos da rede hidrográfica de Galicia-Costa, o que permite ter información dos caudais circulantes en cada momento.

Esta rede permite facer o seguimento das situacións hidrolóxicas extremas en tempo real, tanto inundacións como fenómenos de seca, constituíndo unha ferramenta básica de axuda na toma de decisións.

A información obtida nas estación de aforo resulta fundamental para realizar a planificación hidrolóxica por parte de Augas de Galicia, xa que permite estimar os recursos existentes na demarcación hidrográfica, a caracterización das masas de auga, a ordenación dos usos, o mantemento de réximes hidráulicos e a conservación das concas dos ríos e a súa preservación natural.

Os datos recadados nas estación de seguimento do nivel de caudais permite a entidade hidráulica da Xunta empregar esta información para a supervisión das obras hidráulicas e o deseño, ordenación e execución das grandes redes de distribución de abastecemento e saneamento.

Tamén achega información para a realización de diversos tipos de estudos, tanto por parte de Augas de Galicia, como doutras administracións públicas, universidades ou usuarios da auga.

Este contrato enmárcase na liña de traballo que vén realizando a Xunta, a través de Augas de Galicia, para acadar unha maior profesionalización da xestión da auga, que ten o seu máximo expoñente la Lei para a mellora da xestión do ciclo integral da auga aprobada o pasado ano.

Data de actualización: 16/11/2023