A Xunta colabora cos Bolechas nunha guía que visibiliza a realidade das familias monoparentais entre a cativada

Esta nova lectura da familia máis famosa da literatura infantil galega pretende educar na corresponsabilidade a través da igualdade, a conciliación e o desenvolvemento familiar

O secretario xeral de Política Lingüística participa no CEIP de Vite na presentación deste libro impulsado pola Asociación de Familias Monomarentais de Galicia
 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no CEIP de Vite na presentación do novo libro dos Bolechas, a guía Familias monoparentais, impulsada pola Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS) e editado por Bolanda co apoio da Xunta de Galicia. Esta nova lectura dos personaxes infantís de Pepe Carreiro visibiliza o día a día das familias monoparentais co obxectivo de educar a cativada na corresponsabilidade a través da igualdade, a conciliación e o desenvolvemento familiar.

“Con este tipo de actuacións contribuímos a mellorar o posicionamento social dun colectivo de persoas que non deixa de crecer día a día e que grazas a FAGAMOS xa conta cun espazo propio a nivel autonómico”, destacou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. “Ademais, seguimos traballando da man de Bolanda en visibilizar no ámbito familiar a lingua galega, algo que os Bolechas levan facendo durante moitos anos”, engadiu Valentín García.

No acto tamén participaron a directora do colexio compostelán, María Jesús Pérez; a presidenta de FAGAMOS, Inmaculada Alonso, e os Bolechas corpóreos, que xogaron coa cativada do centro que asistiu de público á presentación.

Visibilizar a diversidade familiar

Con esta nova guía, os Bolechas buscan apoiar e representar, a través de divertidos debuxos, as familias galegas en que a responsabilidade da crianza recae integramente nunha soa persoa. Cun carácter divulgativo e pedagóxico, o libro pretende educar a cativada na diversidade familiar a través dos personaxes de Candela, Vasyl, Flora e Edelmiro, cuxas familias, todas dun único proxenitor, están asociadas a FAGAMOS para apoiarse entre elas.

FAGAMOS xorde no 2021 como unha entidade sen ánimo de lucro para apoiar o recoñecemento da plena igualdade do modelo de familia monoparental. A asociación acolle todo tipo de familias nas que se dea esta casuística, tanto as que se conformaron así por decisión propia como as que na orixe non o eran e, por algunha circunstancia, se atopan en situación de monoparentalidade con independencia do sexo da persoa proxenitora.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023