A xerente do Sergas remarca a importancia de ofrecer unha medicina integral e avanzada que atenda ás necesidades da cidadanía

Así o sinala nunha xornada sobre innovación na xestión da saúde, e que reúne a profesionais do sector sanitario para abordar os últimos avances en saúde dixital

Madrid, 16 de novembro de 2023

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, participou hoxe nunha mesa sobre innovación na xestión da saúde: redes e centros de referencia, no marco do encontro Spain Healthcare Innovation Summit 2023, evento que reúne a profesionais do sector sanitario para abordar os últimos avances en saúde dixital.

Na súa intervención neste foro, a xerente do Sergas remarcou que a xestión da pandemia constituíu un auténtico exemplo de que é posible traballar doutra forma máis flexible e interdisciplinar. Ser un servizo referente para a sociedade e con capacidade de atraer o talento profesional, supón ofrecer unha medicina integral e avanzada que atenda as necesidades da cidadanía.

A tal efecto, Estrella López-Pardo dixo que é necesario contar con estruturas organizativas que favorezan a intervención multi e interdisciplinar, e actuar para que o coñecemento se comparta e se poña ao dispor de toda a organización, así como dos pacientes.

Nesta liña, a xerente do Sergas sinalou que a Estratexia Galega de Saúde, presentada pola Xunta de Galicia o pasado mes de setembro, establece que é necesario un novo modelo de gobernanza, adoptando un enfoque máis proactivo e incrementando a actividade que se realiza, sen agardar á aparición dun problema de saúde.

A Estratexia tamén contempla avanzar cara unha atención máis integrada e personalizada, así como deseñar mecanismos de integración da innovación. Outras medida recollidas na Estratexia son o incremento da transparencia dos resultados do sistema sanitario e dar maior transversalidade á saúde nas políticas públicas.

Segundo Estrella López-Pardo, ante os retos actuais e futuros é necesario garantir unha resposta coordinada de todo o sector saúde, liderada polo sistema sanitario. Tamén sinalou que si queremos anticiparnos ás necesidades asistenciais e xestionar de xeito adecuado a presión asistencial, é necesario configurar un modelo de atención resolutivo na cercanía. Ao respecto, subliñou que a atención primaria ten un papel relevante, vertebrando os procesos asistenciais. É necesario sistematizar o proceso de coordinación entre o primeiro nivel asistencial, a interhospitalaria e sociosanitarias, para que actúen como unha rede, incidiu Estrella López-Pardo.

Na súa intervención na xornada, a responsable do Sergas tamén remarcou que unha rede sanitaria avanzada ten que apoiarse en unidades e centros de referencia, cunha alta capacidade de resolución e profesionais con alto nivel de especialización. A rede ten que ser compatible coa ordenación de servizos, sinalando a xerente do Sergas que é fundamental establecer as bases para despregar e manter infraestruturas e procedementos de maneira sostible e perdurables.

Na mesa na que interveu Estrella López-Pardo contou, así mesmo, coa participación de Pablo Serrano, subdirector de Asistencia Sanitaria do Servizo Cántabro de Saúde; José Cañón, xerente do Instituto de Biomedicina de Sevilla; Silvia Fernández, directora xeral de Asistencia Sanitaria e Humanización de Castela-León; e Jordi Medina, enterprise sales manager, Iberia Region Armis. O moderador da mesa foi Antonio Alarcó, senador e portavoz de sanidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023