A Xunta mellorará o firme na estrada PO-305 ao seu paso polo concello de Vilagarcía de Arousa

A actuación, que supón un investimento autonómico de preto de 43.000 €, prevé comezarse esta fin de semana, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan

Trátase de reparacións estruturais e superficiais para prolongar a vida útil do pavimento nun tramo de algo máis de 1,3 km de lonxitude desta vía autonómica

Intervirase en tramos localizados, principalmente na Travesía do Vento, entre os puntos quilométricos 4+750-4+820, onde se observan fisuras do pavimento debido ás condicións climáticas e ao elevado tránsito de vehículos pesados

A Xunta continúa traballando na conservación e mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionar aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes
 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mellorará o firme na estrada autonómica PO-305 ao seu paso polo concello de Vilagarcía de Arousa.

Esta intervención, cun investimento autonómico de preto de 43.000 euros, foi adxudicada á empresa Construcciones López Cao, S.L. e comezará a executarse este mesmo fin de semana, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Trátase de reparacións estruturais e superficiais que permitirán prolongar a vida útil do pavimento da PO-305, no tramo de algo máis de 1,3 quilómetros comprendido entre os puntos quilométricos 4+530 e 5+850 da vía.

O estado de conservación do firme deste tramo da estrada é, a nivel xeral, adecuado, pero en tramos localizados, principalmente na Travesía do Vento, entre os puntos quilométricos 4+750-4+820, obsérvanse fisuras no pavimento debido, principalmente, ás condicións climáticas e ao elevado tránsito de vehículos pesados.

Nalgúns puntos concretos obsérvase esgotamento estrutural do pavimento, a consecuencia, entre outras cousas, da acción erosiva da auga ao infiltrarse na sección do firme.

Os traballos que se executarán, en función do dano estrutural que presenta o pavimento neste treito, consistirán no fresado superficial de 5 cm da capa de rodadura con ancho a todo o carril; ou no fresado profundo de 10 cm de espesor na capa de rodadura e na intermedia, cun ancho mínimo de 1,5 metros naquelas zonas máis deterioradas.

Tamén se prevé nestes traballos a reposición da capa intermedia nun espesor de 5 cm, e reposición da capa de rodadura a todo o carril cun espesor tamén de 5 cm, previo estendido dunha rega de adherencia.

Ao longo do resto do tramo realizaranse fresados localizados superficiais de 5 cm de espesor cun ancho mínimo de 1,5 metros para a posterior reposición da capa de rodadura.

As obras completaranse co repintado de todas as marcas viarias no tramo de actuación.

A Xunta continúa traballando na conservación e mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionar aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.

Data de actualización: 16/11/2023