A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal abre novas convocatorias para estadías de investigación e publicacións científicas co programa Iacobus

A iniciativa diríxese a persoal docente e investigador, investigadores pre e posdoutorais, e persoal de administración e servizos das universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos da Eurorrexión

O investimento ascende a 200.000 euros, dos que 150.000 se destinan ás estadías e 50.000 ás publicacións

As persoas interesadas poden presentar candidatura ata o 15 de decembro
 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal abriu esta semana novas convocatorias para estadías de investigación e para publicacións científicas co programa Iacobus, promovido pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT). A iniciativa vai dirixida a persoal investigador pre e posdoutoral, docente (PDI), e de administración e servizos (PAS) das universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos da Eurorrexión.

As candidaturas poden presentarse ata o 15 de decembro a través da plataforma da web iacobus.gnpaect.eu. Deberán estar fundamentadas nas prioridades definidas no Plan de Investimentos Conxuntos Galicia - Norte de Portugal (PIC 21-27) e nas áreas estratéxicas establecidas pola Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia - Norte de Portugal (RIS3-T). O investimento das convocatorias ascende a 200.000 euros, dos que 150.000 se destinan ás estadías de investigación e 50.000, ás publicacións científicas.

Na modalidade das estadías de investigación, fináncianse permanencias transfronteirizas para realizar proxectos nalgunha das 39 entidades que participan no programa. Trátase de sete universidades, catro institutos politécnicos, 22 centros tecnolóxicos e seis fundacións ou institutos de investigación de saúde. Ademais, do persoal investigador, docente e de administración e servizos, nesta convocatoria poden participar tamén xestores de innovación e técnicos de I+D dos centros tecnolóxicos.

Canto á modalidade de publicacións científicas, o programa Iacobus promove axudas económicas para a publicación de artigos nalgunha das revistas indexadas no Journal Citation Report (JCR) ou no SCOPUS. Trátase de dous indicadores de calidade dos máis coñecidos e empregados polos organismos de avaliación da actividade investigadora a escala internacional. Os traballos teñen que ser desenvolvidos a través da colaboración trasfronteiriza conxunta e por autores pertencentes ás institucións de ensino superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que forman parte do programa.

Investigación, formación e divulgación

O programa de cooperación científica, cultural e pedagóxica Iacobus é unha iniciativa creada e xestionada dende 2014, pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal e conta con apoio e financiamento da Unión Europea a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP).

Ten como retos promover a cooperación transfronteiriza na investigación, innovación e transferencia de coñecementos entre as institucións participantes da Eurorrexión, así como impulsar unha rede de coñecemento e innovación para facer mais eficiente o seu labor e aumentar o impacto a nivel internacional.

Data de actualización: 16/11/2023