A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na entrega do Premio Fundación Banco Sabadell á Sustentabilidade Mariña
A Xunta destaca a contribución da investigación e a innovación para lograr unha xestión sustentable dos recursos marítimos
Ángeles Vázquez salienta a labor da premiada, Elena Ojea, que aborda nos seus estudos a relación entre a sociedade e os océanos e os riscos do cambio climático
Vigo, 15 de novembro de 2023
A maiores, Ángeles Vázquez subliñou a importancia de premios como este para acadar o obxectivo de equilibrio ambiental, económico e social que “todos buscamos e que é prioritario para Galicia”.
A vicepresidenta segunda tamén quixo remarcar o papel de Galicia como gran espazo de colaboración entre o sector e a comunidade científica, que permite situar a nosa comunidade como un referente de compromiso coa transformación socioeconómica e ambiental de toda a actividade vinculada ao mar.
De feito, o vindeiro ano o Goberno galego destinará ao redor de 7 millóns de euros a investigación e innovación mariña e incrementará nun 40% as partidas orzamentarias destinadas a iniciativas como Redemar, unha iniciativa pioneira que permite conectar as necesidades profesionais do sector do mar coa actividade en I+D+i máis punteira. E, ademais, co obxectivo de comprender mellor os efectos do cambio climático nas nosas rías, melloraremos o Observatorio Costeiro de Galicia, onde colaboran MeteoGalicia, Intecmar e Cetmar.