O cros zonal de Sanxenxo xunta a 1.720 nenos e nenas de 19 centros educativos nun momento histórico do deporte base galego

O secretaro xeral para o Deporte lembrou que os 135.000 mutualizados poderán solicitar o Bono Deporte que entrará en funcionamento en 2024

Sanxenxo (Pontevedra), 15 de novembro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu na mañá de hoxe ao cros zonal do programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) que tivo lugar na contorna da praia de Montalvo e que contou coa participación de 1.720 nenos e nenas de 19 centros escolares dos concellos de Meaño, Sanxenxo, Meis, O Grove, Cambados, Vilanova de Arousa. Alí, Lete Lasa subliñou o pulo da Xunta de Galicia ao deporte base, que representa “non só o futuro da realidade deportiva galega, senón tamén da saúde da nosa poboación”. Neste sentido lembrou o Bono Deporte que entrará en vigor en 2024 para axudar ás familias galegas nos gastos da práctica deportiva dos seus fillos federados e participantes no programa Xogade.

O mandatario galego destacou o excelente estado de saúde do Xogade que no fin da campaña 2022/2023 acadou os máis de 135.000 nenos e nenas mutualizados, o número máis alto da historia e que representa a máis da metade de todos os escolares galegos de entre 6 e 16 anos -54,08%-. Deste xeito, agradeceu o traballo das 31 agrupacións deportivas escolares que fan posible a realización das actividades deportivas por toda a xeografía galega e, nomeadamente, á Agrupación Deportiva Val do Salnés que vén de organizar este cros de Sanxenxo.

O Xogade comezou no pasado mes de setembro a súa décimo quinta edición medrando, ademais de en participación, no número de federacións -xa son 39 tras a adhesión de baile deportivo e montañismo na tempada pasada- e na súa oferta -ao medrar ata as 17 modalidades deportivas ao estrear neste curso a modalidade inclusiva do voleibol sentado e a actividade de encontros multideportivos-. A incorporación do voleibol sentado non é a única novidade inclusiva do Xogade que organizará competicións de deportes por equipos coma, por exemplo, bádminton, tenis de mesa coa finalidade de garantir a participación de todas as persoas incluíndo as que teñan algunha diversidade funcional. Esta igualdade non só se consegue grazas a inclusión daquelas persoas con diversidade, senón tamén en cuestión de xénero. A actividade deportiva escolar foi realizada na tempada 2022-2023 por un 53% de nenos e un 47% de nenas, tanto en participantes como en participacións.

Cómpre sinalar que a Xunta mantén a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os menores de entre 6 e 16 anos participantes, unha medida na que Galicia é pioneira, así como do transporte e a participación nas actividades. Con todo, o gasto anual do programa Xogade na tempada 2022-2023 ascende a algo máis de 3 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023