A Xunta inviste 217.000 euros no programa integrado de emprego de Ferrol que mellorou a formación e o acceso laboral a un centenar de persoas

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na xornada de clausura onde destacou a porcentaxe de inserción laboral lograda pola iniciativa, case un 65%

Martina Aneiros avanzou que no ámbito territorial desta comarca estes programas contarán cun investimento de 871.352€ na próxima convocatoria

Os participantes recibiron formación en ámbitos vinculados ao comercio, almacén, limpeza e peixería, entre outros
 

Ferrol, 15 de novembro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiou con 217.000 euros o programa integrado de emprego do Concello de Ferrol que permitiu mellorar a formación e o acceso laboral a un centenar de persoas. A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, participou esta mañá na xornada de clausura que tivo lugar na sede Afundación onde destacou a porcentaxe de inserción laboral alcanzada, case un 65%, o que supón que un total de 65 veciños accederon a un posto de traballo.

Os participantes melloraron a súa formación en ámbitos vinculados ao comercio, almacén, limpeza e peixería, entre outros. Ademais recibiron cualificación transversal en novas tecnoloxías, técnicas de búsqueda de emprego, habilidades sociais, intelixencia emocional ou emprendemento.

Martina Aneiros puxo en valor o bo resultado dos programas integrados de emprego ao que a Xunta destinou preto de 106M de euros entre 2009 e 2023, o que permitiu a participación de preto de 58.225 persoas de toda Galicia e no caso do concello de Ferrol desenvolvéronse un total de 12 programas con 1.025 beneficiarios.

A próxima convocatoria 2023-2024 contará cun investimento de 10,2M€ para toda Galicia o que permitirá poñer en marcha 49 programas integrados de emprego. En concreto,  no ámbito territorial desta comarca estes programas contarán cun investimento de 871.352€.

O obxectivo destes programas é que un mínimo do 35% do total dos participantes atope traballo ao final da súa formación, aínda que os resultados son amplamente superados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023