A Xunta salienta a importancia da innovación e a dixitalización para mellorar a competitividade e abrir novas oportunidades de negocio

A directora do Igape, Covadonga Toca, participa en Madrid no encontro da Asociación Española de Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR)

Madrid, 15 de novembro de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá en Madrid no XVII Encontro Direccións Xerais Foro ADR, onde puxo en valor a aposta da Xunta de Galicia pola innovación e a dixitalización de cara a abrir e consolidar novas oportunidades de negocio para o tecido empresarial.

Este foro, que se vén celebrando desde hai dúas décadas, permite ás Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) españolas integradas na Asociación Española de ADR, entre as que se encontra o Igape, traballar e concretar os seus modelos de futuro, optimizando os servizos e apoios que prestan ás empresas e aos emprendedores.

Nesta ocasión, as sesións de traballo centráronse, entre outros temas, na dixitalización e o desenvolvemento sustentable. Un marco no que Toca Carús presentou algunhas das prácticas que cada ano promove o Igape, como o programa de Centros de Fabricación Avanzada, que sumará o vindeiro ano 7,2 millóns para seguir a promover espazos colaborativos e infraestruturas locais que permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores; ou os obradoiros e os programas para a dixitalización, con case 8 millóns para facilitar proxectos neste eido.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023