A Xunta participa nun simulacro de accidente aéreo no aeroporto da Coruña

O obxectivo do exercicio foi analizar a coordinación dos distintos colectivos e a capacidade de resposta a unha emerxencia aeronáutica, ao mesmo tempo que se ensaia a activación do Platerga en nivel 2 e o plan de autoprotección do aeródromo

A Coruña, 15 de novembro de 2023

A Xunta participou hoxe nun simulacro de accidente aéreo que tivo lugar no aeroporto da Coruña co obxectivo de analizar a coordinación dos distintos colectivos que actuarían ante unha emerxencia aeronáutica. Así, comprobouse a actuación dos medios materiais e humanos dispoñibles e os procedementos de emerxencia do aeroporto. O simulacro permite tamén ensaiar a activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no nivel 2 e das salas de ilesos e feridos leves ou a efectividade do plan de autoprotección e os plans dos organismos implicados.

O exercicio simulou o accidente dun avión que, cando ía aterrar procedente de Madrid, sufriu un fallo de orixe descoñecido no tren de aterraxe, o que provocou que posteriormente saíse da pista e se incendiase no recinto aeroportuario. O simulacro artellouse ao redor de que aeronave sinistrada levase 4.000 litros de combustible e 18 ocupantes, entre os 15 pasaxeiros e 3 membros da tripulación, rexistrándose 4 persoas falecidas, 5 feridas moi graves e outras 3 graves.

Ante unha situación destas características e seguindo os protocolos, mobilizáronse os medios propios do aeroporto a través do seu plan de autoprotección, declarando a emerxencia aeronáutica; e, por parte da Xunta, activouse o Plan territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel 2, que estivo dirixido in situ polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva desde o Posto de Mando Principal (PMP). Ademais do punto de reunión ao que acceden os efectivos mobilizados segundo as indicacións do PMP e do Posto de Mando Avanzado (PMA), tamén se habilitaron as salas de crise, de familiares, de ilesos e de feridos leves. 

Así, o  aeroporto activou o seu plan de emerxencia interior, mobilizou os seus propios medios, e informou á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

Organismos implicados

Por unha banda mobilizáronse medios internos do aeroporto como os integrantes da oficina de coordinación, o director e o xefe de operacións, o responsable de atención a vítimas (RAAV), forzas de seguridade presentes nas instalacións, persoal do servizo de extinción de incendios e salvamento e técnicos de operacións en área de manobras ou de mantemento, entre outros.

Por outra parte, entre os medios externos figuran a Dirección xeral de Emerxencias e Interior, as Urxencias Sanitarias de Galicia 061, o servizo provincial de Emerxencias da Xunta na Coruña, o CIFP Ánxel Casal, o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), Cruz Vermella, persoal do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), así como representantes da Delegación do Goberno e da Policía Nacional e a Garda Civil.

A Xunta destaca a  importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de preparación para garantir a eficacia ante ás posibles emerxencias  para o que periodicamente programa e participa en simulacros de emerxencia. No caso dos simulacros xerais aeronáuticos débense realizar cada dous anos para dar cumprimento ao Plan de Emerxencia do aeroporto. O último exercicio destas características levado a cabo no aeroporto da Coruña realizouse en 2021.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023