Cetmar celebra o Día Marítimo Europeo cunha xornada dedicada a difundir o gran potencial da acuicultura

O evento, organizado no marco do proxecto europeo AquaVitae, tivo lugar durante a mañá na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo e incluíu diversas charlas de expertos sobre a actividade acuícola

Enmarcada na programación do ‘European Maritime Day In My Country’ da Unión Europea, a xornada serviu para a presentación oficial en Galicia do AquaVitae Game, un xogo destinado a impulsar a percepción social da acuicultura
 

Vigo, 15 de novembro de 2023

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, sumouse hoxe ás celebracións do Día Marítimo Europeo promovidas pola Unión Europea organizando unha xornada en torno á actividade acuícola que, ademais, serviu de adianto á conmemoración do Día da Acuicultura, que terá lugar o vindeiro 30 de novembro a nivel nacional.

O evento, cuxa organización se desenvolveu no marco do proxecto europeo AquaVitae, reuniu na sede da fundación galega en Vigo a expertos na actividade acuícola do Instituto Español de Oceanografía e do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC (IIM-CSIC), a representantes da Fundación Biodiversidad e a estudantes procedentes de diferentes institucións.

A presentación da xornada, programada dentro do ‘European Maritime Day In My Country’ promovido pola Unión Europea, correu a cargo de Rosa Chapela, coordinadora da área de Socioeconomía da Pesca de Cetmar, quen falou aos presentes sobre o proxecto AquaVitae, centrado na acuicultura mariña de baixo nivel trófico, que inclúe especies como algas, ostras, ourizo de mar, entre outras.

A actividade acuícola foi tamén protagonista nas intervencións dos expertos convidados á xornada, como Javier Remiro, coordinador da área de Economía Azul Sostible da Fundación Biodiversidad, quen fixo referencia á celebración do Día da Acuicultura o vindeiro 30 de novembro. O mexillón galego e a investigación na acuicultura protagonizaron os relatorios de Xosé A. Álvarez e de Monte Pérez, investigadores do IIM-CSIC e do Oceanográfico de Vigo, respectivamente.

A continuación, Yolanda Irawan, técnico de Cetmar, falou da creación e percorrido do xogo AquaVitae Game, deseñado polo Centro Tecnolóxico do mar, e que foi presentado en lugares como Brasil, Austria e Irlanda, onde suscitou moito interese, en especial entro os centros de formación.  O xogo ten como obxectivo incrementar dun xeito lúdico a reputación social da acuicultura, promovendo fórmulas sostibles e aportando coñecementos sobre especies dos niveis tróficos baixos.

A xornada concluíu xogando unha partida ao AquaVitae Game con estudantes do Máster Interuniversitario Galego en Acuicultura, do  Igafa, do IEO e do CSIC, que puxeron a proba os seus coñecementos na materia.

O proxecto AquaVitae, que recentemente celebrou a súa conferencia final, pecha catro anos e medio de traballo na busca de solucións innovadoras que melloren a produción, os procesos e os produtos da acuicultura no Atlántico. Financiado pola Unión Europea a través do programa Horizonte, neste proxecto traballaron expertos de 35 institucións científicas e da industria de 15 países, como é o caso da Fundación Cetmar.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 15/11/2023