A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe, en Santiago de Compostela, a tenda solidaria Arroupa

A Xunta concede unha axuda de 400.000 euros a Cáritas para avanzar na construción dunha nova nave coa que mellorar a reciclaxe de residuos téxtiles

Ángeles Vázquez incide na necesidade de desenvolver iniciativas que fomenten a reparación e reutilización dos produtos co obxectivo de previr a xeración de residuos
 

O Goberno galego concedeu axudas por case 2 M€ para impulsar novos proxectos para fomentar a preparación para a reutilización de residuos municipais e mellorar instalacións existentes para a clasificación e o tratamento deses refugallos
 

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia concedeu unha axuda de 400.000 euros a Cáritas Diocesana de Santiago para avanzar na construción dunha nova nave no parque empresarial do Tambre coa que mellorar a reciclaxe de residuos téxtiles. 

Durante unha visita á tenda solidaria de Arroupa, empresa de inserción laboral en materia de reutilización de téxtil fundada por Cáritas Diocesana de Santiago, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo esta entidade como exemplo á hora de adoptar medidas que permitan impulsar a transformación do sector téxtil cara a unha economía circular. 

Así, Arroupa ofrece desde 2015 servizos de recollida de téxtiles e complementos, clasificación e venda ao público de roupa de segunda man en tendas propias. Na actualidade conta con preto de 220 contedores e 4 puntos de venda abertos ao público en Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra e Arteixo.  

Nesa liña, Ángeles Vázquez incidiu na necesidade de desenvolver iniciativas que fomenten a reparación e reutilización dos produtos co obxectivo de previr a xeración de residuos téxtiles.  

De feito, logo de lembrar que a directiva europea establece que en xaneiro de 2025 os concellos deberán ter establecida a recollida de residuos téxtiles, Ángeles Vázquez subliñou que o Goberno galego concedeu axudas por case 2 millóns de euros para impulsar novos proxectos empresariais ou sen ánimo de lucro para fomentar a preparación para a reutilización de residuos municipais e mellorar instalacións existentes para a clasificación e o tratamento deses refugallos. 

O obxectivo destas axudas é avanzar cara ao cumprimento dos obxectivos impostos polo actual marco normativo en materia de residuos municipais, toda vez que os proxectos financiados responden á nova cultura empresarial circular que aposta por unha tecnoloxía ecoeficiente, que contribúe á preparación para a reutilización dos residuos de orixe municipal así como á redución dos refugallos destinados a vertedoiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023