A Xunta convoca aos titulares do terreos afectados polas obras dos accesos ao novo CHUAC

Co levantamento das actas de ocupación, continúase avanzando na tramitación para a execución dos novos viarios, que afectan a 17 parcelas das cales 3 son de titularidade municipal

A Coruña, 15 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asistiu esta mañá ao acto de levantamento de actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras de accesos ao Novo CHUAC que afectan a 17 parcelas das cales 3 son de titularidade municipal e 14 de propietarios particulares.

Con este acto dáse un paso máis para seguir avanzando nos trámites que permitirán iniciar as obras dos viarios do Novo CHUAC.

No acto desta mañá recolléronse os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor dos mesmos e os prexuízos ocasionados pola ocupación dos seus terreos, onde se executarán as obras para construír os novos accesos ao complexo sanitario.

De xeito paralelo á tramitación dos documentos precisos para a execución do proxecto do Novo CHUAC, o Executivo galego avanza nas tres primeiras actuacións do Novo CHUAC: están en proceso de contratación as obras para a demolición do actual Hotel de Doentes, por un importe de 1,3 millóns de euros; a construción da nova Torre Polivalente, por valor de 35 millóns de euros; e a execución da obra dos accesos, por 24,8 millóns de euros.

O Executivo prevé que a adxudicación destes contratos teña lugar neste outono. Así, a Torre Polivalente será a primeira edificación do novo CHUAC e prevese que as obras se poidan iniciar entre finais deste ano e comezos de 2024.

PIA

Trenor lembrou que hai unas semanas xa se publicou no DOG a resolución do acordo que declara como Proxecto de Interese Autonómico (PIA) a construción do Novo Hospital Público da Coruña. Así mesmo, tamén se fixo público o Decreto de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados por esta actuación.

Con ambas as publicacións avánzase na tramitación do instrumento de ordenación urbanística do solo necesario para a construción do Novo Hospital Público da Coruña. Así, inclúense na mesma: as obras de urbanización e edificación, os accesos desde as vías de alta capacidade, o novo edificio hospitalario nas Xubias e o espazo para resituar as vivendas afectadas.

A consideración de Proxecto de Interese Autonómico (PIA) permite simplificar e darlle unha maior celeridade aos trámites necesarios para executar unhas obras que consolidarán a posición do complexo hospitalario coruñés como centro sanitario de referencia a nivel nacional.

A Xunta realizará un investimento que superará os 500 millóns de euros nun proxecto que representa a partida económica máis importante do Executivo Galego no que atinxe á mellora da rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde. Así, o Novo CHUAC triplicará a superficie do actual, permitindo mellorar as prestacións asistenciais dos máis de 550.000 pacientes, cos que conta a Área Sanitaria da Coruña e Cee.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2023