O vicepresidente primeiro da Xunta recibe á nova presidenta da Federación española de baloncesto

Elisa Aguilar asumiu o cargo o mes pasado e converteuse na primeira muller en dirixir esta entidade, que precisamente este ano conmemora o seu centenario

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu esta tarde á nova presidenta da Federación Española de Baloncesto (FEB), Elisa Aguilar. A ex xogadora da selección española de baloncesto converteuse o pasado 2 de outubro na primeira muller á fronte desta institución nos seus cen anos de historia. A entidade creouse o 31 de xullo de 1923 e conmemora precisamente o seu centenario neste ano.

Diego Calvo desexoulle á presidenta moitos éxitos na súa andaina para seguir colleitando medallas nas distintas modalidades e categorías e tamén trasladou o desexo de que as seleccións absolutas masculina e feminina consigan clasificarse para os Xogos Olímpicos e Paraolímpicos de París 2024. No encontro, no que tamén estiveron presentes o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bermúdez, o vicepresidente primeiro puxo en valor o traballo das federacións deportivas e o papel da federación galega deste deporte para sumar xogadores e xogadoras á entidade estatal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2023