O presidente de Portos de Galicia respondeu a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

A Xunta de Galicia ultima a contratación do servizo de limpeza dos portos autonómicos durante 2 anos por 9,6 millóns de euros

José Antonio Álvarez informou de que a licitación, que contempla a posibilidade de prórroga por 2 anualidades máis ata un valor total de 19,2 millóns, atópase en fase de proposta de adxudicación

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, respondeu esta mañá a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación co contrato unificado de limpeza e recollida de residuos dos 122 portos autonómicos. Ao respecto, asegurou que a licitación deste servizo atópase xa moi avanzada, con proposta de adxudicación xa formalizada para 2 dos 3 lotes de instalacións nas que se segmenta xeograficamente o servizo.

Tal como indicou Álvarez Vidal, o contrato está en licitación cun orzamento de 9,6 millóns de euros, IVE incluído, por dous anos, prorrogable outras dúas anualidades ata chegar a un valor estimado de 19,2 millóns de euros polos catro exercicios. Sobre o contido do servizo, explicou que consiste na realización de traballos de limpeza das zonas de servizo dos portos, terra e lámina de auga, como de recollida de residuos xerados neles, incluíndo o seu traslado a xestores autorizados e a súa xestión. O alcance do servizo inclúe a recollida, transporte e xestión de residuos derivados da actividade portuaria pero tamén papeleiras e contedores; o servizo de limpeza xeral, sexa manual, varrido ou baldeo mecánico, limpeza de ramplas, escaleiras de fábrica, pantaláns e diques flotantes, roza de maleza e sega de herba, e limpeza das redes de saneamento e pluviais.

Durante a súa intervención, Álvarez Vidal explicou tamén que o contrato inclúe a limpeza da lámina de auga, dos edificios portuarios -incluíndo os elementos instalados no seu interior como mobiliario, pavimentos...-; a limpeza de canalóns, baixantes e cubertas, a desratización e as limpezas extraordinarias, derivadas de actividades puntuais ou de necesidades de limpeza dos fondos mariños. Finalmente, tamén se recolle o servizo de inspección e caracterización dos residuos durante o primeiro ano co obxectivo de coñecer a magnitude de volume e peso detallada que permita deseñar unha estratexia futura de xestión óptima.

En canto á distribución xeográfica da prestación, o presidente de Portos trasladou que para unha maior eficiencia na prestación do servizo considérase a súa división en lotes por distribución xeográfica, seguindo as tres zonas administrativas de Portos de Galicia: Zona Norte, coincidente coa franxa cantábrica; Zona Centro, a costa atlántica da provincia da Coruña; e Zona Sur, a provincia de Pontevedra. Respecto a este último lote, o presidente de Portos de Galicia explicou que espera que se poida formalizar a proposta de adxudicación en poucas semanas.

Reversión de instalacións sen actividade portuaria

O presidente de Portos de Galicia respondeu tamén esta mañá na Comisión 8ª do Parlamento a unha pregunta respecto ao procedemento para a reversión ao Estado de terreos portuarios sen actividade ou cunha actividade portuaria residual a día de hoxe. A este respecto indicou que ante os cambios producidos nas Corporacións logo das últimas eleccións municipais, Portos de Galicia remitirá ao longo deste mes a proposta de reversión, cos correspondentes planos, a todos os concellos implicados para a súa avaliación e ratificación se procede. Unha vez completado este trámite o ente público estaría en disposición, previsiblemente antes de final de ano, de elevar a proposta global ao Consello Reitor, como requisito previo á posterior aprobación, no seu caso, polo Consello da Xunta.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 14/11/2023