O conselleiro do Mar reuniuse coa delegada territorial na cidade olívica para abordar a licitación que porá en marcha o servizo

Vigo contará cunha das sete oficinas de atención presencial repartidas polo litoral galego que asesorarán a beneficiarios das axudas do novo FEMPA

O Diario Oficial da Unión Europea recolle hoxe a licitación que aparece tamén desde esta mesma xornada na plataforma de contratos públicos da Xunta

A empresa adxudicataria terá que poñer a disposición o equipo humano e técnico para abrir tamén en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Ribeira, A Coruña, Ferrol e Viveiro, ademáis de crear e soster a oficina virtual de acceso ‘online’

Estipúlase unha vixencia inicial de dous anos cun importe de licitación de preto de 4 millóns de euros, e inclúe a posibilidade de prórroga por 12 meses

Alfonso Villares sinala que pretende ser un reforzo para a Consellería do Mar e evitar que se reproduzan obstáculos que limitaron a execución financeira do FEMP

Vigo, 14 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reuniuse hoxe coa delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, para abordar o estado da tramitación do concurso do servizo de asesoramento a posibles beneficiarios das axudas financiadas con cargo ao novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa). O proceso de licitación avanzou coa publicación tamén hoxe da proposta no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) e na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Búscase a un adxudicatario que preste un servizo híbrido, tanto mediante a creación dunha oficina virtual para o asesoramento telemático mediante a creación dun espazo dixital con toda a información, como a apertura dunha rede de sete oficinas para asesoramento presencial, unha delas en Vigo e o resto nas localidades de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Ribeira, A Coruña, Ferrol e Viveiro

Recordou o titular de Mar que este contrato responde ao anuncio realizado polo presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, durante a súa intervención no debate sobre o estado da autonomía o pasado 10 de outubro, onde sinalou que o obxectivo da nova rede é contribuír a aproveitar cada euro do novo fondo comunitario para o sector.

A Consellería pretende con esta e outras medidas que non se reproduzan algúns dos obstáculos que impediron unha eficiente execución financeira do FEMP que acaba este 2023, conseguindo que máis recursos cheguen á pesca, acuicultura, transformación e a comercialización dos produtos do mar e cultivos mariños. O obxectivo final é incrementar os investimentos ligados ás axudas do Fempa, o que redundará nunha maior creación de emprego e potenciará as economías locais das zonas onde se executan os proxectos e, en xeral, contribuír xerar riqueza e a elevar o PIB de Galicia. 

O valor polo que sae a concurso esta nova rede é de preto de 4 millóns de euros e terá unha duración inicial de 2 anos, prorrogables durante 12 meses máis. O adxudicatario do concurso terá que encargarse de buscar e propoñer os locais e sufragar os seus custos. A empresa contratista deberá participar nos traballos de promoción e difusión deste servizo e na captación de destinatarios dos servizos. Tamén asesorará á Consellería do Mar sobre os aspectos susceptibles de mellora para impulsar os principios de boa xestión financeira, de eficacia e de redución da carga administrativa.

En canto aos medios humanos, terá que contar cun equipo centralizado do proxecto, por unha banda, e polos asesores que atenderán cada oficina, pola outra. O primeiro estará composto, como mínimo, polos perfís de director do proxecto, responsable do plan de asesoramento, un encargado do plan de comunicación, un experto en redes sociais e dous consultores en xestión do cambio. Todos deben titulación superior universitario e coñecementos demostrables na realización de proxectos coa Administración pública, ademais de en asesoramento empresarial e experiencia probada.

O equipo das oficinas de asesoramento presencial estará composto por sete persoas, todos titulados superiores universitarios e ademais de poder demostrar que xa realizaron proxectos para as administracións, deberán acreditar coñecementos en asesoramento empresarial, en transformación dixital e sobre fondos europeos a empresas, así como un mínimo de experiencia de 2 anos.

Obxectivos e recursos do fondo

O novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), que a partir do 2024 será único mecanismo financeiro para as políticas marítimo-pesqueiras da UE, ten como prioridades o fomento da pesca sostible e a recuperación e conservación dos recursos; o desenvolvemento de actividades acuícolas sustentables; e potenciar a transformación e comercialización dos produtos que utilizan estas materias primas.

Hai preto dun ano, o pasado 29 de novembro de 2022, a Comisión Europea aprobou o programa operativo para España do Fempa, fondo do que España é o principal país perceptor, co 21,1% do total, 1.120 millóns de euros. Desta cantidade, o Estado reservouse 233,4 millóns de euros e deixou os restantes 886,6 millóns para as comunidades. Galicia percibirá máis catro de cada dez euros destinados ás autonomías, con 366,2 millóns de euros para a totalidade da vixencia do novo fondo, que alcanzará ata finais desta década.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 14/11/2023