O Servizo de Gardacostas comisa preto de 25.000 quilos de quenlla conxelada nun almacén frigorífico de Vigo
Este peixe incautado, entre o que se atopaban aletas cortadas, foi capturado de forma ilegal por un buque con bandeira angoleña que está inactivo nas listas da ICCAT
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023
Inspectores do Servizo de Gardacostas de Galicia comisaron o pasado luns 24.803 quilogramos de quenlla e 49 quilos de aletas cortadas desta mesma especie de escualo nun operativo levado a cabo nun almacén frigorífico de Vigo. O peixe proviña de Angola e foi capturado no Atlántico Sur por un buque conxelador con bandeira angoleña, que se atopaba inactivo na lista do ICCAT (Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico), organización internacional da que forma parte España.
O barco non estaba, en consecuencia, autorizado a pescar, reter a bordo, transbordar ou desembarcar túnidos e especies afíns ou especies capturadas en asociación con elas, o que inclúe á quenlla, de acordo coas recomendacións ICCAT en vigor.
Galicia é competente en materia control da comercialización de produtos pesqueiros e neste caso trátase dun lote de peixe obtido de forma que incumpre a normativa internacional de captura, polo que non se pode comercializar na Unión Europea. O destino final desta partida serán centros benéficos da comunidade autónoma, en concreto distintos bancos de alimentos.