A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética no pavillón deportivo da Lama

A directora xeral de Administración Local visitou as instalacións, que contaron cunha achega de 140.000 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local
 

O apoio do Goberno galego ao concello a través das liñas de axudas ás administracións locais suma case 2 millóns de euros nos últimos anos
 

A Lama (Pontevedra), 14 de novembro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou A Lama para comprobar as melloras de eficiencia enerxética realizadas no pavillón deportivo municipal co apoio do Goberno galego. A obra contou cunha achega de 140.000 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local. 

A través da iniciativa substituíse a cuberta por panel sándwich illado, instaláronse lucernarios que incrementaron case un 30% a iluminación natural das instalacións, e cambiáronse o cadro eléctrico e as luminarias existentes por outras con tecnoloxía LED. Búscase así mellorar a eficiencia enerxética ao tempo que se reforza a seguridade na práctica deportiva ao eliminar filtracións e condensacións. 

Segundo sinalou a directora xeral, a mellora visitada forma parte do conxunto de actuacións impulsadas polo concello da Lama en 2023 que contaron co apoio da Xunta a través das distintas liñas de axudas ás administracións locais. Neste conxunto figuran a adquisición de maquinaria e equipamento para mantemento e limpeza viaria dos accesos aos núcleos, e a instalación de caudalímetros nos depósitos de abastecemento municipal, ambas enmarcadas no fondo adicional do Fondo de Cooperación Local e que suman unha achega de case 40.000 euros.

A estas engádense actuacións no saneamento do Polígono Industrial Racelo, cun investimento de 65.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental, así como no edificio multiúsos e na casa niño, con case 34.000 euros da orde de infraestruturas de uso público. “Estes son só os exemplos máis recentes dos froitos da colaboración do Goberno galego co concello da Lama ao abeiro das liñas de apoio ao eido local, que se traduce nos últimos anos en case dous millóns de euros”, apuntou Natalia Prieto.  

Investimento de 27,2M€ en toda Galicia

No conxunto de Galicia, as distintas medidas de apoio da Xunta aos concellos impulsaron en 2023 máis de 600 proxectos municipais a prol de mellores instalacións e servizos cun orzamento de 27,2 millóns de euros. 

A directora xeral destacou que o compromiso autonómico cos concellos se vai reforzar nos anos 2024 e 2025 co lanzamento dunha nova orde plurianual destinada a incentivar a eficiencia enerxética nas instalacións municipais. A convocatoria prevé un orzamento de 5,3 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2023