Rivo exporá en Bruxelas os novos retos de emprego da Xunta e as ferramentas para impulsar o emprendemento e fixar poboación no rural

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, desprázase mañá ata a capital da Unión Europea, onde manterá ao longo de dous días diversas reunións e un encontro co comisario de Emprego, Nicolas Schmit

Intervirá no ‘European Employment & Social Rights Forum 2023’ nunha mesa sobre dixitalización e futuro do traballo onde presentará EMi, a nova ferramenta coa que Galicia recorre á intelixencia artificial para casar oferta con demanda laboral

Rivo presentará a candidatura da Xunta ao Premio da Rexión Emprendedora Europea, co que se recoñece ás rexións da UE que presentan estratexias excelentes e innovadoras de impulso do emprendemento

Nas diferentes xuntanzas abordaranse tamén a creación da Rede de centros asociados de formación para o emprego e o novo Plan para a creación de emprego feminino en sectores masculinizados

Santiago de Compostela, 14 de novembro 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, desprazarase mañá ata Bruxelas onde ao longo dos vindeiros dous días (mércores e xoves) manterá reunións en materia de emprego con diferentes autoridades para abordar e presentar os novos retos laborais da Xunta para impulsar o emprendemento e fixar poboación no rural. O xoves Rivo intervirá no European Employment & Social Rights Forum 2023, nunha mesa redonda na que se tratará a dixitalización e o futuro do traballo.

Nas diferentes reunións que manterá Rivo dará a coñecer, entre outros asuntos, o impulso que está a facer o Goberno galego á formación para o emprego a través de diferentes proxectos entre os que se salientarán o apoio ás microcredenciais ou a creación da Rede de centros asociados de formación para o emprego.

Os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 inclúen partidas para impulsar esta Rede de centros e para apostar por estas formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, un sistema polo que se avoga en Europa porque permite unha actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais das persoas traballadoras.

Así mesmo, Rivo presentará un proxecto co que a Xunta quere dar cabida na comunidade a nómades dixitais ou profesionais remoto a través de espazos co-living, que engaden aos servizos de coworking a posibilidade de residir no espazo de xeito temporal. O obxectivo desta iniciativa é seguir dinamizando o rural galego, xerando actividade económica dun modo sostible.

A conselleira, ademais, presentará en Bruxelas o Plan de formación e emprego feminino en sectores masculinizados; e a candidatura de Galicia ao Premio de Rexión Emprendedora Europea, unha iniciativa coa que se identifica e recoñece ás rexións da UE que presentan estratexias excelentes e innovadoras de impulso do emprendemento.

Entre outros obxectivos, a Xunta de Galicia quere dar a coñecer ás autoridades europeas os seus proxectos punteiros en materia de emprego, para que poidan ser importados por outras rexións e mesmo atraer fondos europeos para o seu óptimo desenvolvemento.

A axenda

Este mércores, 15 de novembro, a conselleira reunirase coa jefa de Unidad para España e directora para Condiciones de Trabajo y Diálogo Social da Dirección General de Empleo, Asuntos Sociales e Inclusión, María Iglesia; cun grupo de galegos que viven en Bruxelas; con membros das comisións de Emprego e Asuntos Sociais e dos Dereitos das Mulleres e Igualdade de Xénero -unha reunión á que tamén asistirá o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez- e co director de Cohesión, Política Económica y Empleo, Thomas Wobben.

O segundo día, o xoves 16, manterá encontros coa directora de Estratexia e Análise Económica da Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e PEME da Comisión Europea, Outi Slotboom; e co director xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, Wolfgang Burtscher. Nesta mesma xornada, a conselleira de Promoción do Emprego participará no European Employment & Social Rights Forum 2023, onde está previsto que manteña un encontro co comisario de Emprego, Nicolas Schmit.

Posteriormente, Rivo intervirá neste foro, xunto coa ministra de Transformación Dixital e viceministra para a integración na UE de Ucraína, Valeriya Ionan, e co profesor de Computación da Universidade de California en Berkeley, Stuart Russell, nunha mesa sobre dixitalización e o futuro do traballo, onde presentará EMi, a nova ferramenta de emprego da Xunta de intelixencia artificial para casar oferta con demanda laboral.

Para a visita, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade conta coa colaboración da Fundación Galicia Europa, a oficina que representa á Xunta de Galicia ante as institucións e órganos da Unión Europea.

Data de actualización: 14/11/2023