A Xunta entrega cinco novas cartas de artesá do selo Artesanía Alimentaria, no marco da Feira Etiqueta Negra de Pontevedra

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu á última xornada deste evento gastronómico para formalizar a concesión destas distincións

Xacobleas, cervexa Meiga, os meles De Liñares, Jamones González e Queixos Castelo da Braña únense a este selo, no que xa hai 80 empresas galegas

Este distintivo de calidade diferenciada garante que as producións contan cunha elaboración tradicional e unha presentación coidada, acorde coa súa condición de produtos situados entre os da gama gourmet
 

Pontevedra, 13 de novembro de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu hoxe á última xornada da Feira Etiqueta Negra de Pontevedra para entregar as cartas de artesá e as licenzas aos novos operadores que se incorporan ao selo Artesanía Alimentaria.

Este distintivo garante que a obtención das producións se rexe pola norma técnica pertinente, que recolle unha serie de requisitos relativos ás materias primas e aos procesos de elaboración autorizados, ao seu modo de presentación e a como deben ser a rastrexabilidade e o control.

O director da Axencia entregou hoxe as licenzas de uso da marca Artesanía Alimentaria a María del Pilar Alonso, de Xacobleas; a Herederos de BSA, de cervexa Meiga; a Jamones González; a David Liñares, dos meles De Liñares; e a Queixos Castelo de Braña. 

Estas empresas súmanse as 80 que xa están adheridas ao selo Artesanía Alimentaria, que conta con máis dun cento de artesáns rexistrados neste distintivo de calidade promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.

O director da Axencia destacou a calidade dos produtos destas empresas, que agora verán reforzada a súa diferenciación no mercado grazas ao selo de Artesanía Alimentaria.  José Luis Cabarcos lembrou que este selo de calidade diferenciada busca promover e protexer as pequenas producións e elaboracións tradicionais artesás de alimentos de alta calidade, facilitar a diversificación económica das explotacións agrarias e o incremento do valor engadido das producións locais e mellorar as rendas e fixar poboación nos medios rural e litoral.

Outro dos obxectivos deste distintivo é fomentar métodos tradicionais de elaboración e desenvolver unha gama de produtos diferenciados de calidade, potenciar circuítos curtos de comercialización que permitan o contacto directo entre as persoas produtoras e as consumidoras e promover a visibilización e a participación activa das mulleres en todas as dimensións da actividade artesanal alimentaria.

Lei da calidade alimentaria

Este tipo de distintivos poñen en valor a calidade dos produtos galegos, algo polo que a Xunta aposta decididamente. Exemplo diso é a nova Lei da calidade alimentaria, que está en tramitación no Parlamento, e que busca dotar aos produtos alimentarios galegos dunha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023