O conselleiro do Medio Rural participou de forma telemática na reunión previa do Consultivo Informativo do Consello Agrifish da Unión Europea

A Xunta esixe ao Goberno central unha estratexia conxunta para combater a enfermidade hemorráxica epizoótica que afecta a toda España

Solicita oficialmente a convocatoria “urxente e específica” dunha conferencia sectorial, para deseñar o paquete de medidas a adoptar dun xeito conxunto polo Goberno e as CCAA respecto ás enfermidades emerxentes que afectan á cabana gandeira

Nesta reunión, José González pediu que o Ministerio de Agricultura coordine a consecución dunha vacina contra a EHE, ademais de actualizar as pólizas de seguros agrarios respecto aos cambios que está a experimentar o sector

O Goberno galego mantense en contacto constante co sector gandeiro, sendo Galicia unha das primeiras comunidades en concretar indemnizacións pola morte de vacas causadas por esta doenza
 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

A Xunta esixe ao Goberno central unha estratexia conxunta para combater dun xeito coordinado dende o Executivo e as comunidades autónomas a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), que afecta a explotacións gandeiras de todo o país. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, despois de asistir á reunión telemática desta mañá convocada como previa ao Consultivo Informativo del Consello Agrifish da Unión Europea (UE)  do 20 de novembro.

No relativo á EHE, o conselleiro insiste en remarcar que ante a súa incidencia, con focos en toda España, é urxente unha coordinación por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). Seguindo esta liña, faise latente a importancia da evolución dos mecanismos nacionais de detección e alerta temperá deste tipo de enfermidades víricas de carácter emerxentes, dada a afectación que está tendo na cabana gandeira española.

E dentro da necesidade dunha estratexia conxunta contra este tipo de enfermidades, e empregando os mecanismos de coordinación previstos na lexislación, o conselleiro do Medio Rural anunciou oficialmente a solicitude ao Ministerio de Agricultura dunha convocatoria urxente e específica dunha conferencia sectorial, para artellar o paquete de medidas a desenvolver polo Goberno central e todas as comunidades autónomas, atendendo ao carácter prioritario que ten o sector gandeiro na economía do país.

Esta conferencia, suxiere González, debe estar precedida por unha comisión técnica de expertos, na que poida participar todas as comunidades autónomas, de xeito que se poida abordar este tipo de enfermidades de maneira urxente, eficaz e, volveu a remarcar, conxunta.

Coordinar dende o Goberno central a consecución dunha vacina contra a EHE

Ademais, ante a evolución negativa que segue a ter a EHE por todo o territorio español e coa preocupación dos gandeiros en aumento, José González pediu que o Ministerio de Agricultura coordine os traballos de investigación e consecución dunha vacina o máis efectiva posible, que contribúa dun xeito decisivo a frear a expansión desta doenza.

Por outra banda, o conselleiro tamén puxo de relevo a necesidade de revisar as pólizas de seguros agrarios, actualizándoas respecto os cambios que está a experimentar o sector e as enfermidades emerxentes.

Traballo posto en marcha pola Xunta de Galicia

Ao igual que na loita contra a lingua azul,  o conselleiro do Medio Rural resalta o traballo realizado pola Xunta para combatir a EHE. “Dende a recirculación da enfermidade en España en 2023 e antes de que chegara a Galicia, o persoal veterinario da Consellería do Medio Rural mantivo permanentemente informado da súa evolución ao sector gandeiro galego, mantendo un diálogo constante con todos os actores implicados”.

“Galicia é unha referencia na sanidade gandeira en toda España”. Neste sentido, explicou González, unha vez confirmada a presenza da EHE en Galicia, a mediados de setembro, Medio Rural estableceu un sólido protocolo de actuación ante a sospeita da enfermidade, ademais de trasladar recomendacións preventivas ás feiras e explotacións non afectadas.

Galicia foi unha das primeiras CCAA en anunciar que indemnizará as mortes de vacas por mor desta doenza. Estas indemnizacións outorgaranse con carácter retroactivo dende setembro, para cubrir todas as mortes que se poidan constatar causadas por esta doenza.

Estratexia da Unión Europea en favor dos bosques para 2030

No relativo á Estratexia da Unión Europea en favor dos bosques para 2030, o conselleiro mostrou o seu acordo coa concepción de que o sector forestal representa unha pedra angular na transición cara unha economía climáticamente neutra, equitativa, eficiente no uso dos recursos e competitiva.

Así, considera que a UE debe seguir liderando a promoción da xestión forestal sostible e na loita contra a deforestación a escala mundial en diversos foros internacionais. E sinalou que a Estratexia debe ter en conta as diferencias entre os bosques dos distintos países, as soleiras ou intervalos deben decidirse e fixarse a escala nacional ou rexional, en base aos inventarios forestais, desenvolvéndose a través da cooperación e con transparencia cos Estados membros, baixo un principio de subsidiariedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023