O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe o centro de 0 a 3 anos de Catabois, acompañado do alcalde José Manuel Rey Varela

As escolas infantís da Xunta de Catabois e Virxe de Chamorro en Ferrol incorporarán máis produtos de tempada e de proximidade aos seus menús diarios

O obxectivo é acadar unha dieta con maior presenza de verduras e hortalizas, procurar hábitos de alimentación saudables e apoiar aos produtores locais

Ferrol (A Coruña), 13 de novembro de 2023

As escolas infantís públicas autonómicas de Catabois e Virxe de Chamorro contarán nos seus menús diarios con máis produtos de proximidade e tempada. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, anunciou hoxe a adhesión destes dous centros ao programa da Rede Eco-Comedores, nunha visita á escola de Catabois na que estivo acompañado do alcalde José Manuel Rey Varela.

O director xeral explicou que estas dúas escolas, que contan con cociña propia, incorporaranse de maneira progresiva a esta rede para o que disporán da orientación de nutricionistas, que achegará Seitura 22, que é a asociación encargada de implantar este proxecto. O obxectivo é acadar unha dieta máis saudable con maior presenza de verduras e hortalizas nos menús.

Outra finalidade desta proposta é procurar uns hábitos de alimentación sans desde a primeira infancia para que perduren na etapa adulta e evitar problemas futuros de saúde. Ademais, a través dela apóiase aos produtores locais.

A Rede Eco-Comedores xurde en 2018 co proxecto ‘Alimentos da Biosfera’. Está coordinado polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas-Betanzos, e nel participan once GDR procedentes das provincias de A Coruña, Lugo e Ourense.

Ademais das novas incorporación das escolas de 0 a 3 anos de Catabois e Virxe de Chamorro, no ámbito territorial de Ferrol forman parte desta rede outros tres centros de Infantil e Primaria en Cabanas, Mañón e Ortigueira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023