A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou o convenio de adhesión da empresa

A Alianza polo clima promovida pola Xunta suma o apoio de Ence para seguir creando sinerxías na loita contra o quecemento global

Ángeles Vázquez subliña a relevancia de que Ence se sume a esta iniciativa dado o seu compromiso co desenvolvemento dun modelo produtivo integrado que segue os criterios de sostibilidade máis esixentes a nivel internacional

Esta Alianza, que conta xa con 95 entidades adheridas, segue reunindo esforzos que permitan situar á Comunidade á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático
 

Pontevedra, 13 de novembro de 2023

A Alianza galega polo clima, promovida pola Xunta, sumou o apoio de Ence co obxectivo de seguir creando sinerxías na loita contra o quecemento global, tal e como explicou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a sinatura do convenio de adhesión co director territorial da empresa en Galicia, Antonio Casal.
 
Logo de salientar que esta Alianza conta xa con 95 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas-, Ángeles Vázquez incidiu na importancia do apoio de Ence a unha iniciativa que segue reunindo esforzos que permitan situar Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático.
 
Como lembrou a vicepresidenta segunda, a adhesión a esta Alianza supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima, e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.
 
Nesa liña, a vicepresidenta segunda subliñou a relevancia da adhesión de Ence a este “pacto de corresponsabilidade que nos permitan ser máis fortes na gran loita contra o cambio climático” dado o seu compromiso co desenvolvemento dun modelo produtivo integrado que segue os criterios de sostibilidade e responsabilidade empresarial máis esixentes a nivel internacional. De feito, a biofábrica de Pontevedra foi recoñecida, por terceiro ano consecutivo, como líder en sostibilidade do sector da celulosa a nivel mundial.
 
Ademais, Ángeles Vázquez puxo en valor que se trata dunha compañía clave para o desenvolvemento do sector forestal de toda Galicia e que xera na nosa Comunidade máis de 5.000 empregos, 800 deles en Pontevedra ou nos municipios limítrofes.

Fitos acadados e desenvolvemento lexislativo

De feito, a vicepresidenta segunda subliñou que Galicia leva anos traballando para mellorar a súa capacidade de resiliencia ante o cambio climático. Nesa liña, lembrou que a Comunidade xa acadou fitos decisivos como ser a segunda comunidade que máis reduciu as emisións de gases de efecto invernadoiro en 2021 ou a redución dun 34% de emisións brutas de GEI respecto a 1990 -ano que se toma de referencia-, máis de 34 puntos porcentuais por enriba da media nacional.

Ademais, 1 de cada 5 toneladas de carbono que se absorben en España faise en Galicia-9,7 millóns de toneladas en 2021-, o que a converte na primeira comunidade do Estado nesta materia.

A maiores, cómpre salientar que a Xunta, ademais de publicar recentemente a Guía de contratación pública ecolóxica, está a desenvolver a que será a primeira lei do clima de Galicia, co obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040.

Este compromiso reflíctese nos orzamentos para o vindeiro ano, que destinan 212,7 millóns de euros en materia de medio ambiente para continuar a loita contra o cambio climático, a aposta pola resiliencia e a eficiencia na xestión dos residuos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023