O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os nomes dos gañadores da nova edición dos premios Talento Mozo Galicia

A Xunta premia o enxeño da xente nova nas modalidades de Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e Creación

O xurado recoñeceu as traxectorias de Mario Soilán Rodríguez, Elio López García, Adiaratou Iglesias Forneiro, David Blanco Fraga e Iria Folgado Dopico

Cada un deles recibirá un premio en metálico de 5.000 euros, ademais dunha distinción honorífica e un diploma acreditativo
 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o nome dos gañadores dos premios Talento Mozo Galicia na súa edición de 2023, convocados pola Consellería de Política Social e Xuventude. O obxectivo destes galardóns é dar visibilidade ao enxeño e capacidade de xente nova entre os 18 e 35 anos de idade cunha traxectoria relevante nas modalidades de Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e Creación.

Así, na categoría de Ciencia foi galardoado Mario Soilán Rodríguez; na de Rural o premio foi para Elio López García; na de Deporte: Adiaratou Iglesias Forneiro; na de Empresa recoñeceuse o talento de David Blanco Fraga e na modalidade de Cultura e Creación o xurado premiou a Iria Folgado Dopico.

Cada un dos gañadores recibirá unha gratificación económica de 5.000 euros, ademais dunha distinción honorífica e un diploma acreditativo. Os premiados nas dúas primeiras edicións de Talento Mozo Galicia pódense consultar na páxina web de Xuventude.

Traxectoria dos premiados

A actual liña de investigación de Mario Soilán Rodríguez, gañador na categoría de Ciencia, trata sobre a dixitalización e xeración de modelos de información no ámbito do transporte e lidera un proxecto de I+D para a mellora da seguridade viaria.

No apartado de Rural, o xurado recoñeceu a traxectoria de Elio López García. Fundou no ano 2020 a empresa Innogando, coa que conseguiu diversos recoñecementos. O obxectivo desta firma é proporcionar tecnoloxía para mellorar a calidade de vida dos gandeiros e a rendibilidade das granxas, sempre promovendo o benestar animal.

Esta edición de Talento Mozo tamén premiou a excelencia deportiva de Adiaratou Iglesias Forneiro, que o ano pasado recibiu o Premio Nacional de Deporte. Esta deportista paralímpica foi campiona de Europa adaptado en 100 e 400 metros, e competiu nos campionatos de España de persoas sen discapacidade.

David Blanco Fraga, premio ao Talento Mozo no ámbito empresarial, é fundador da empresa Beniu. Esta firma aposta pola innovación e as novas tecnoloxías aplicadas ao sector agrofestal e especializándose en tratamentos aéreos e teledetección con drones para a protección e mellora da saúde vexetal.

E na modalidade de Cultura e Creación premiouse o enxeño de Iria Folgado Dopico, oboísta que completou os seus estudos superiores de música no Hanns Eisler de Berlín. Foi academista na Karajan Akademie der Berliner Philharmoniker e tocou baixo a batuta de directores de renome internacional como Simon Rattle ou Iván Fischer, entre outros.

Data de actualización: 13/11/2023