A aplicación Sergas Diabetes permite a pacientes e profesionais sanitarios facer un seguimento da enfermidade a través do móbil

Así o salienta o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na Xornada Diabetes Evolution 2023, que se celebra na Coruña

O titular da carteira sanitaria incide en que estase a coordinar e a elaborar a actualización do Proceso Asistencial Integrado diabetes mellitus tipo 2

A Coruña, 11 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta mañá, no marco da Xornada Diabetes Evolution 2023, que xa está activa, dende hai unha semana, a aplicación Sergas Diabetes, que posibilita a pacientes e a profesionais sanitarios facer un seguimento da enfermidade a través do teléfono móbil, incorporando medicións de glicosa e facendo seguimento do exercicio físico ou controlando valores nutricionais.

A información obtida intégrase coa carpeta persoal do paciente e a plataforma tecnolóxica TELEA, o que facilita que o persoal sanitario acceda a eses datos a través da historia clínica electrónica, e, deste xeito, xerar para o profesional e o paciente informes periódicos de seguimento da diabetes.

Así o remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, no acto de inauguración deste encontro, que se celebra na cidade herculina, organizado polo Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, en colaboración coa Sociedade Galega de Endocrinoloxía e Nutrición. O acto contou, así mesmo, coa presenza do xerente da área sanitaria, Luis Verde Remeseiro.

Na súa intervención, Comesaña destacou que o Sergas está a coordinar e elaborar a actualización do Proceso Asistencial Integrado (PAI) da diabetes mellitus tipo 2. Segundo o conselleiro, a abordaxe das enfermidades crónicas a través de procesos asistenciais integrados, contribúe á mellora da efectividade das actuacións sanitarias e á diminución da variabilidade clínica.

Este proceso asistencial ao que se referiu Comesaña, é froito do consenso dun grupo multidisciplinar de profesionais e, como paso previo á actualización, considerouse adecuado obter unha visión completa da atención que se presta ás persoas con esta patoloxía, para identificar áreas de mellora e determinar retos na súa abordaxe.

A tal efecto, realizáronse un total de 21 entrevistas individuais a profesionais implicados no seu manexo, con representatividade das diferentes áreas sanitarias de Galicia e dos distintos perfís profesionais, ademais de contar coa participación dun representante das persoas con esta enfermidade.

O documento enviouse para revisión externa ás xerencias das sete áreas sanitarias e ás sociedades científicas e asociacións profesionais relacionadas co manexo desta patoloxía.

Piares básicos

Comesaña remarcou que os piares básicos deste proceso asistencial son a detección/diagnóstico precoz e a prevención da diabetes en persoas de alto risco; a valoración integral da persoa con diabetes e o cribado de complicacións crónicas; o establecemento dun plan de atención individualizado; o seguimento do paciente; e, ademais, a atención ás descompensacións.

Todo isto, -proseguiu o conselleiro-, no marco dun modelo asistencial definido na Estratexia galega de atención ás persoas en situación de cronicidade, baseado nunha valoración integral do doente, avaliando a repercusión da enfermidade, e traballando de xeito coordinado entre profesionais dos distintos ámbitos para garantir a continuidade asistencial.

O responsable de sanidade pública galega dixo que os Plans locais de saúde, postos en marcha pola Consellería de Sanidade, son instrumentos que facilitan o enfoque comunitario da atención para lograr unha asistencia integral e continuada, baseada en equipos multidisciplinares, o que resulta determinante na abordaxe das persoas en situación de cronicidade, como son as que padecen diabetes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/11/2023