Lete destaca o esforzo orzamentario da Xunta en 2023 de cara á actualización do mapa de infraestruturas deportivas que chegou a 206 concellos

O Concello de Oia foi beneficiario da primeira convocatoria da orde destinada a concellos tanto na liña I para instalacións deportivas (50.000 euros) como na liña II para equipamento deportivo (2.000 euros)

Oia (Pontevedra), 10 de novembro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, supervisou na mañá de hoxe o estado das obras de acondicionamento da área deportiva Abadía de Loureza, sufragadas ao abeiro da orde de subvencións para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable da Xunta. Ao abeiro desta axuda, que vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a súa segunda convocatoria o pasado 25 de outubro, un total de 206 concellos recibiron 304 axudas, polo que o 66% dos municipios galegos víronse beneficiados por esta nova orde: 98 en ambas as dúas liñas, 72 só na liña I e 36 na liña II. Deste xeito foron repartidas 170 axudas para infraestruturas e 134 para equipamento entre os concellos de Galicia, cun investimento total de preto de 8 millóns de eutos (preto de 6 millóns na primeira convocatoria e máis de 2 millóns na segunda). No caso da provincia pontevedresa, foron repartidas 58 axudas entre 41 concellos -17 en ambas as dúas liñas, 15 para a liña I e nove para a liña II-.

 

No caso particular do concello pontevedrés de Oia, foi beneficiario na primeira convocatoria tanto na liña I -destinada a infraestruturas- como na liña II -destinada a equipamento, polo que recibiu máis de 2.000 euros para a adquisición de mesas para a práctica de tenis de mesa-. Respecto á subvención para instalacións, trátase do acondicionamento da área deportiva Abadía de Loureza, que conta cun presuposto de preto de 96.000 euro (95.628,39 euros) dos que a Xunta de Galicia sufragará a contía máxima de 50.000 euros (29.410 euros neste 2023 e os restantes 20.590 euros no vindeiro 2024).

A actuación consistirá no acondicionamento desta área deportiva, substituíndo algúns elementos como as porterías, as canastras e a rede parabalóns. Para iso deberase retirar previamente o equipamento deportivo e a rede parabalóns existente. Deste xeito, levarase a cabo o acondicionamento da pista deportiva cun pavimento de xogo novo e marcaxe de liñas. Ademais, colocarase un equipamento deportivo novo formado por dúas porterías fixas e dúas canastras fixas. Con esta actuación agárdase a mellora das condicións de uso, de áreas de recreo e zonas deportivas do concello, achegando á cidadanía unha nova instalación para a actividade física nas mellores condicións e, polo tanto, incrementar o número de persoas que realizan a práctica deportiva con frecuencia.

Cómpre salientar neste 2023 as tres novas ordes plurianuais para instalacións deportivas que a Xunta puxo en funcionamento e que xa foron resoltas. Ademais das dúas convocatorias da orde para concellos tamén se puxo en marcha a orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das instalacións de entidades deportivas cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros (sendo executados neste 2023, 600.000 euros). Con todo, o Goberno galego destina neste 2023 preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50% de todo o orzamento histórico da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que neste exercicio acada máis de 44 millóns de euros e que de cara a 2024 volverá ascender ata os 56 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023