O conselleiro do Mar visita as confrarías de pescadores de Laxe e Camariñas

Alfonso Villares destaca o esforzo inversor da Xunta na mellora das infraestrutras portuarias da Costa da Morte e con actuacións futuras de case 15 millóns de euros

O titular de Mar destacou o remate este ano dos traballos de dragaxe do porto da Laxe, que supuxo a retirada de 43.000 metros cúbicos de rocha, aos que se destinaron 3,6 millóns de euros.

Dende o 2009 ata o 2022 a Consellería do Mar leva investidos ao redor de 23 millóns de euros no incremento da competitividade, na xestión dos recursos mariños, no desenvolvemento pesqueiro e nas instalacións portuarias da Laxe e Camariñas

Estas visitas forman parte da intensa axenda de contactos coas diferentes confrarías para avaliar as actuacións acometidas e valorar as novas necesidades de cara a futuras inversións

Laxe e Camariñas (A Coruña), 10 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor o esforzo investidor da Xunta de Galicia nas instalacións portuarias da Costa da Morte e anunciou a continuidade do xa feito con futuras actuacións por valor de case 15 millóns de euros. Fixo estas manifestacións na súa visita á confraría de pescadores de Camariñas acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, dentro da intensa axenda de contactos coas diferentes confrarías para avaliar os traballos realizados e valorar as novas demandas de cara a futuras inversións.

O conselleiro explicou que o vindeiro ano procederase a licitar a redacción do proxecto para a dotación de departamentos para usuarios no peirao da localidade cun investimento plurianual de 617.000 euros así como os avances para acometer o dragaxe do porto de Camelle, ao que se destinan 350.000 euros, e cuxa licitación está prevista paro o 2024. Por outra banda fixo balance das actuacións realizadas ao longo do 2023 no que se acometeron tamén a renovación do firme do porto e a renovación dos amarres e defensas no peirao de Camelle por un importe total de case 200.000 euros.

O titular de Mar tamén realizou unha visita á confraría da Laxe na que se abordaron os traballos realizados ao longo deste ano que consistiron na mellora dos equipamentos da fábrica de xeo da lonxa así como o apoio á potenciación e o desenvolvemento de novos mercados e campañas de promoción e patrocinio para a promoción de produtos do mar con motivo da celebración da II Xornada de Pesca Artesanal de Laxe 2023 por un importe total de preto de 150.000 euros.

Alfonso Villares tamén destacou a finalización dos traballos de dragaxe no porto deste municipio coruñés no que foron investidos 3,6 millóns de euros e que supuxo a retirada de 43.000 metros cúbicos de rocha para deixar a dársena á cota -5 e a zona próxima ao peirao da lonxa á -3 metros. Neste sentido tamén se actuou na mellora da envolvente e a subsanación de diferentes patoloxías da estrutura do edificio de departamentos e dotouse de seis escaleiras acompañadas de defensas de laterais para mellorar as condicións de amarre e acceso ás embarcacións dos usuarios, acendo a inversión a máis de 90.000 euros.

O conselleiro sinalou que no período 2009-2022 o goberno galego dedicou ao redor de 23 millóns de euros no incremento da competitividade, na xestión dos recursos mariños e no desenvolvemento pesqueiro e nas instalacións portuarias de ambas localidades. Unhas cifras que amosan o compromiso da Xunta de Galicia co sector e na súa modernización, na que se continúa afondando no proxecto de orzamentos do 2024.  

Portos consensúa a reordenación da circulación

Por outra banda, Portos de Galicia consensuou recentemente coa confraría de pescadores de Laxe e o Concello a posta en servicio dun control de accesos na entrada do dique que se enmarcaría nun convenio entre Concello e Portos para conservación, mantemento e regulación do tráfico rodado nas instalacións portuarias. Este acordo foi alcanzado tras unha reunión de traballo entre o presidente da entidade pública, José Antonio Álvarez, os representantes do pósito e o Concello para abordar a necesidade manifestada polas partes de restrinxir a circulación de vehículos no interior do porto.

A instalación do control de accesos implicará ademais unha reordenación na circulación do tránsito rodado, con sinalización horizontal e vertical. O obxectivo é reservar para os usuarios portuarios o acceso ao dique para aumentar a seguridade para as persoas e a flota, mellor operatividade para os usuarios portuarios. Portos de Galicia está a traballar na elaboración dos planos definitivos que determinen a nova ordenación da circulación nas instalacións.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 10/11/2023