Ángeles Vázquez e a alcaldesa de Boimorto analizan vías de colaboración en materia de humanización de espazos públicos e vivenda

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse recentemente coa alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, para analizar vías de colaboración en materia de humanización de espazos públicos e vivenda.

Así, durante o encontro a rexedora trasladoulle á vicepresidenta segunda o proxecto municipal para levar a cabo a humanización da rúa da Sobreira e na Gándara, que, segundo dixo Ángeles Vázquez, podería encaixar nos obxectivos do chamado plan Hurbe, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego no ano 2010, que precisamente ten como finalidade axudar ás administracións locais a financiar este tipo de actuacións que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Así, de ratificarse a colaboración, a Xunta financiaría o 70% da actuación e o concello asumiría o 30% restante.

No que atinxe á situación do mercado de vivenda na localidade, Ángeles Vázquez trasladoulle á rexedora que o concello, ao ter menos de 20.000 habitantes, podería optar a unha nova convocatoria das axudas para a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal. Neste caso, as axudas poderán acadar ata o 95% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 50.000 euros por vivenda rehabilitada

A maiores, na reunión a alcaldesa tamén plantexou o interese do concello por levar a cabo unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que foi aprobado en 2007, co fin de adaptalo á normativa vixente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/11/2023