As xornadas Artesanía no Prato impulsarán na Coruña as sinerxías entre o sector artesán e a gastronomía

A Xunta de Galicia organiza a cuarta edición deste encontro, que se celebrará en ExpoCoruña os días 19 e 20 de novembro e que está dirixido a profesionais da hostalería e da restauración, do comercio, da decoración de interiores e do contract

Presentaranse produtos de 31 obradoiros artesanais e contarase coa colaboración de chefs de prestixio que desenvolven o seu traballo nas catro provincias galegas

Na programación inclúese a presentación dunha publicación na que se recollen propostas fotográficas conxuntas de 12 restaurantes e 31 artesáns especializados en diferentes oficios artesanais, así como tres casos de éxito do traballo entre chefs e artesáns
 

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2023

A Consellería de Economía, Industria e Innovación organiza as IV Xornadas Profesionais Artesanía no Prato co obxectivo de impulsar a incorporación de produtos da marca Artesanía de Galicia no eido da gastronomía, e de fomentar as sinerxías e o traballo conxunto entre estes sectores. O evento celebrarase no recinto ExpoCoruña os días 19 e 20 de novembro e está dirixido a profesionais da hostalería e da restauración, do comercio, da decoración de interiores e do contract.

Desde o ano 2017, a Xunta impulsa estas xornadas bianuais, a través da Fundación Artesanía de Galicia, coa colaboración de Galicia Calidade e dos seus produtos certificados, que este ano conta tamén coa colaboración da Axencia Galega de Turismo, da Consellería do Medio Rural e da cervexa 1906. O evento consistirá nun Espazo Artesanía de Galicia no que participan 31 obradoiros da marca especializados en oficios como a madeira, a cerámica, a forxa, a estampaxe, a cestería, a escultura ou o téxtil, e nun Espazo Cociña no que se ofrecerán showcookings de reputados cociñeiros nas que se empregarán pezas de Artesanía de Galicia.

Na programación desta cuarta edición inclúese tamén a presentación dunha publicación na que se representa este traballo de creación conxunta entre artesanía e gastronomía. A presentación do libro “Artesanía no Prato” está prevista para o domingo 19 de novembro a partir das 11:30 e contará coa participación de Macarena Navarro-Reverter, xornalista, consultora de artesanía e autora do texto.

Desde o ano 2013 en que se crea o proxecto Artesanía no Prato son moitos xa os profesionais da artesanía que centran unha parte da súa produción na gastronomía, traballando en conxunto con cociñeiros para a elaboración de vaixelas exclusivas e pezas personalizadas. Neste libro preséntanse propostas fotográficas conxuntas de 12 restaurantes e 31 artesáns especializados en diferentes oficios artesanais, así como tres casos de éxito do traballo entre chefs e artesáns.

Espazo Cociña

Entre o domingo e o luns pasarán polo Espazo Cociña das IV Xornadas Artesanía no Prato un total de 11 cociñeiros galegos, nunha programación de demostracións gastronómicas onde os asistentes poderán degustar os pratos servidos en pezas da marca Artesanía de Galicia. O acceso será con invitación.

O programa comeza o domingo ás 13:15 cunha Sesión Matinal by 1906 a cargo de representantes dos colectivos locais de cociña de Galicia: Alma García e Víctor Rubio, do Greca Bar (A Coruña), representarán a Coruña Cociña; Gerson Iglesias, do Hotel Oca Villa de Allariz, de Cociña Ourense; Jonathan Mota, de Mijo (Vigo), representa Vigo Gastronómico; e Toño Lorenzo, da Faragulla (Chantada), de Cociñeiros Lugo.

A partir das 17:30 está programada unha sesión merenda a cargo de Javier Rodríguez Ponte “Taky”, de Catering Boketé (Cambre), con produtos de Artesanía Alimentaria; e a xornada do domingo rematará cun showcooking de Lucía Freitas, do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), a partir das 19:30 horas, con produtos de Galicia Calidade.

A xornada do luns comeza cun showcooking a cargo de Álvaro Victoriano, do Grupo Peculiar (A Coruña), a partir das 13:30 horas, e continúa cunha demostración de Xosé Magalhaes e Lydia del Olmo, de Ceibe (Ourense). O programa desta cuarta edición pecharase cunha Jam Session a cargo de Moncho Méndez, de Millo Orzán (A Coruña), a partir das 19:30 horas.

Espazo Artesanía de Galicia

En horario de 11:30 a 21:00 horas, presentaranse no Espazo Artesanía de Galicia produtos de 31 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, dos que 12 deles participan por primeira vez co obxectivo de abrir novas vías de comercialización e novas áreas de traballo para os seus proxectos.

Trátase dos obradoiros especializados na madeira Aitor- Vikensen (Tomiño), Carballo Estrela (Pontevedra), Tresoficios (Teo) e Verdecima Tallas de Madeira (Mos); os ceramistas Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín), Cavalinho do Demo (Fornelos de Montes), Ceniza de papel (Lugo) e Pilarnia Arte (Taboadela); Red Ram Forge (A Coruña), especializado en coitelos; Natalia Moreno Artesanía y Diseño (Baiona), e estampaxe artesanal; GSC Petrum (Cuntis), en pedra; e mais o cesteiro O Carabel Ecocestos (Ferrol).

Os outros 19 obradoiros que repiten a experiencia son os ceramistas Mar Barral (Catoira), Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Arobe Cerámica (A Coruña), Laura Delgado (Cambre), Xaime Piñeiro (Santiago de Compostela), Ojea Studio (Vigo), Otero Regal Ceramista (Viveiro), Unzueta Cerámica (Brión), e Susana Anta Cerámica (A Coruña); os oleiros de Buño Alfarería Lista e Obradoiro Gorín (Malpica de Bergantiños); os obradoiros especializados en madeiras Ilex Talla e Lorenzo Design, ambos os dous de Santiago de Compostela, e Atalanta Madera (A Estrada); as cesteiras Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) e La Parabólica (O Porriño); o obradoiro de escultura Fui yo (Santiago de Compostela); o de Celso Ferreiro (A Fonsagrada), especializado en coitelos; e mais Uniformes 2.I (Lugo), en téxtil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/11/2023