A Xunta impulsará a competitividade dos parques empresariais de Pedrapartida en Coirós e Icaria en Oleiros cun investimento de 190.000€

Estas axudas van dirixidas a mellorar as infraestruturas dos parques empresariais de Galicia

Esta orde prioriza aos Concellos Emprendedores
 

Coirós (A Coruña), 10 de novembro de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Coirós, Francisco Quintela, visitaron o polígono de Pedrapartida para anunciar un investimento de máis de 88.000 euros para a adquisición de equipos e sistemas de protección contraincendios neste polígono. Esta actuación contará cun apoio do Goberno galego de máis de 70.000 euros. Este polígono recibiu tamén o ano pasado outra axuda de 106.000 euros para levar a cabo a pavimentación de varios espazos internos para habilitalos como aparcadoiros para os usuarios do mesmo.

Ademais, o representante do Goberno autonómico anunciou que o parque empresarial de Icaria en Oleiros tamén recibirá outra axuda de 120.000 euros para a mellora das súas infraestruturas viarias que terán un custo total de máis de 154.000 euros.

Trenor aclarou que estas dúas axudas encádranse dentro da orde aberta pola Xunta para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais de Galicia, que conta cun orzamento total de 2,9 millóns de euros. Estes apoios, de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto, están destinados á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias. Cómpre destacar que esta última foi a actuación máis demandada. Os beneficiarios poderán acceder a anticipos do 25%.

O delegado da Xunta explicou que esta liña de axudas “contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia e para a mellorar a competitividade das nosas empresas”. Neste sentido, aclarou que “encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023