A Xunta inviste preto de 260.000 euros este ano na mellora de infraestruturas municipais en San Sadurniño

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou a localidade para comprobar as actuacións feitas ao abeiro de distintas liñas de apoio

O investimento do Goberno galego no municipio nos últimos anos supera os 866.000 euros

A través das liñas de axuda específicas para os concellos só en 2023 se distribuíron máis de 27,2 millóns de euros para a execución de 600 proxectos de carácter loca

San Sadurniño (A Coruña), 10 de novembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o concello de San Sadurniño para comprobar diversas melloras realizadas no marco das liñas de apoio ao eido local. Os proxectos supoñen un investimento global de case 260.000 euros ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público, do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) e das axudas destinadas ás instalacións deportivas municipais. 

A través do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local estase a actuar no edificio multiúsos para mellorar a eficiencia enerxética dunhas instalacións que prestan servizos básicos á veciñanza, xa que acolle a escola infantil municipal, a oficina de correos e o viveiro de empresas. O proxecto inclúe obras na fachada, coa instalación dunha nova envolvente térmica e dun zócalo, a substitución do sistema de calefacción existente por outro de biomasa para a climatización e produción de auga quente, e a colocación de elementos exteriores de protección solar nos ocos existentes. A Xunta destina 140.000 euros a este proxecto.  

Calvo incidiu na aposta do Goberno galego pola mellora enerxética nos edificios de uso público. Nesta liña, xa está a actuar nos edificios administrativos autonómicos, como é o caso de Ferrol onde acaban de rematar obras desta tipoloxía, ao tempo que incentiva accións no eido local con axudas específicas. Así, en 2024 lanzarase unha nova liña de axudas plurianual destinada ao financiamento de actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais dotada con 5,3 millóns de euros e cofinanciada con fondos Feder. 

Outra das obras financiadas a través do FCL este ano en San Sadurniño centrouse na mellora da rede de abastecemento, cun investimento de 46.000 euros. 

Por outra banda, a través da orde infraestruturas de uso público, o Goberno galego cofinanciou con 40.000 euros as obras para a reforma, a instalación de cuberta e a apertura para uso público. Así, reparáronse os elementos de xogo, renovouse e ampliouse o pavimento de caucho, e executouse unha cuberta para permitir a utilización deste espazo de xeito seguro ao longo de todo o ano. Ademais, o perímetro do parque dotouse dun novo peche que permite o acceso directo desde a beirarrúa, facéndoo accesible a toda a rapazada fóra do horario lectivo.  

A maiores, a Xunta destinou 29.500 euros á mellora do pavillón municipal, onde se vai crear un local social que lles permita aos clubs da localidade dispoñer dun espazo no que celebrar xuntanzas de planificación ou eventos deportivos. A iniciativa finánciase a través da convocatoria destinada ás instalacións deportivas de titularidade municipal. 

Apoio aos concellos

Diego Calvo destacou que as actuacións realizadas en San Sadurniño mostran a importancia das medidas de apoio da Xunta aos concellos, especialmente no caso dos de menor poboación e do rural, xa que garanten a prestación de servizos básicos para a veciñanza en infraestruturas eficientes, seguras e confortables. “O noso obxectivo é contribuír ao equilibrio territorial de xeito que toda a cidadanía galega goce das mellores condicións de vida e vexa atendidas todas as súas necesidades con independencia do seu lugar de residencia”, apuntou.  

Estas medidas de apoio supuxeron un investimento de 866.300 euros no concello de San Sadurniño nos últimos anos e, ademais das melloras visitadas hoxe, permitiron impulsar o alumeado público, adquirir equipamento ou desenvolver campañas de concienciación ambiental, entre outras accións. 

A través destas convocatorias de axudas específicas, como a Orde de infraestruturas de uso público o Fondo de Compensación Ambiental ou o Fondo de Cooperación Local, ao longo de 2023 distribuíronse en todo o territorio galego máis de 27,2 millóns de euros para a execución de máis de 600 proxectos municipais.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023