A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial , Javier Arias, supervisou no Incio o dispositivo activado no centro de conservación e de vialidade invernal de Lugo Sur

A Xunta desprega 390 profesionais, 80 vehículos e 5.400 toneladas de fundentes para garantir a seguridade nas estradas autonómicas ante as inclemencias do tempo

Vázquez Mourelle destaca a importancia do Plan de vialidade Invernal, activo ata o 30 de abril para manter en condicións axeitadas para a circulación os máis de 5.500 km de vías autonómicas

A Xunta presta especial atención aos 1.000 km de vías autonómicas que, por altitude, son máis susceptibles de neve ou xeo, dos que o 26% están na provincia de Lugo

O dispositivo conta cun total de 26 centros operativos, 6 deles en Lugo, provincia na que están dispostos 87 profesionais, 1.740 toneladas de acopios e fundentes e 58 vehículos

Salienta que a Xunta destinará en 2024 un total de 53 M€, un 8% máis, a garantir o mantemento da súa rede de estradas en boas condicións, 10,36 M€ na provincia de Lugo

A conselleira reclama ao Goberno central que dea a coñecer o dispositivo concreto para afrontar a vialidade invernal na A-6, que necesita un plan integral de conservación, ao igual resto das vías estatais con deficiencias
 

O Incio (Lugo), 10 de novembro de 2023

A Xunta desprega ata o 30 de abril 390 profesionais, 80 vehículos e 5.400 toneladas de fundentes para garantir a seguridade nas estradas autonómicas ante as inclemencias do tempo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro de conservación e vialidade invernal de Lugo Sur, no concello do Incio, onde supervisou o dispositivo destinado a garantir as condicións óptimas de circulación nas estradas da Xunta nesta época do ano.

Tal e como explicou, como cada ano por esas datas, a Xunta activou o pasado 1 de novembro o Plan de vialidade invernal nas provincias de Lugo e de Ourense, coa previsión de poñelo en marcha nas da Coruña e de Pontevedra o vindeiro día 15, como vén sendo habitual.

Ethel Vázquez destacou que se trata dun operativo fundamental para garantir a seguridade e a mobilidade nos case 5.500 km de estradas da Xunta, prestando especial atención aos preto de 1.000 km que, por altitude, son máis susceptibles de incidencias por acumulación de neve ou placas de xeo.

A conselleira concretou os detalles do Plan de vialidade invernal en Lugo, unha provincia que concentra o 26% deses 1.000 quilómetros que requiren maior atención, cun total de 386 km.

O dispositivo de vialidade invernal nesta provincia conta con 6 centros operativos, 87 profesionais, e 1.740 toneladas de acopios e fundentes, ademais de 58 vehículos e accesorios, entre camións, retros, cuñas, pick-up ou esparexedores de sal.

No conxunto de Galicia o Plan de vialidade Invernal da Xunta componse por 26 centros e 390 profesionais destinados  a velar pola seguridade nas vías autonómicas, con 80 vehículos e máis de 100 accesorios a disposición, ademais de 5.400 toneladas de fundentes.

O Plan de vialidade invernal contén as medidas preventivas para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, así como medidas paliativas para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables. Ademais, establece protocolos de actuación, prevé a especial vixilancia das vías para detectar incidencias e a achega de información permanente aos usuarios, a través dos paneis informativos nas vías,  por internet, ou por medio do teléfono (coa colaboración do 112 ou da DXT) e con información nos medios de comunicación.

En resumo, a conselleira destacou que este dispositivo supón activar os medios materiais e humanos precisos para vixiar e atender as 24 horas as incidencias que se poidan producir nas vías autonómicas por condicións climatolóxicas adversas e tratar de reducir as afeccións ao tráfico nas estradas.

Ethel Vázquez fixo fincapé na conservación das estradas como unha liña de acción prioritaria da Xunta, polo que os Orzamentos para 2024 manteñen o esforzo investidor, destinando 53M€ á conservación, entre a vialidade invernal, a conservación ordinaria , ou o Plan de reforzos de firme, o que supón un incremento do 8%. Deste investimento resérvanse 10,36 M€ para a conservación da rede viaria autonómica da provincia de Lugo.

A conselleira contrapuxo este esforzo da Xunta co lamentable estado que presentan as vías de responsabilidade estatal, con especial preocupación pola situación da A-6. Ademais de reclamar a máxima axilidade na reconstrución dos viadutos do Castro, Ethel Vázquez pediu que o Goberno central dea a coñecer o dispositivo concreto previsto para a vialidade invernal nesa autovía, así como un plan integral de conservación tanto para esta como para o resto das vías estatais que presentan deficiencias. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023