A Xunta defende o xornalismo independente na conferencia anual da Federación Europea de Clubs de Prensa

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou no encontro de traballo

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023


O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na Conferencia Anual da Federación Europea de Clubs de Prensa, onde destacou o papel do xornalismo independente nos sistemas democráticos, especialmente nun contexto internacional no que as novas tecnoloxías facilitan a proliferación de desinformación e novas falsas, ameazando a estabilidade das nosas sociedades.

Gamallo tamén subliñou as iniciativas que se están a desenvolver desde a Unión Europea e desde a Xunta para responder a estes retos. Segundo o director xeral, “é vital empoderar as nosas comunidades fronte ás ameazas da desinformación”. “Para iso, as administracións públicas deben cooperar entre elas e adaptarse aos novos retos, pero tamén facer partícipe a sociedade civil, especialmente ao sector do xornalismo, que debe ser autónomo e resiliente", engadiu.

Galicia participa na Federación Europea de Clubs de Prensa a través do Centro Internacional de Prensa de Galicia, representado na Conferencia Anual por Luis Menéndez, fundador e presidente da Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela. O organismo galego recibiu hoxe a presidencia da federación da man do Club de Prensa de Londres, tras cumprirse un ano da súa incorporación.

Federación Europea de Clubs de Prensa

Desde a súa fundación en 1989, a Federación Europea de Clubs de Prensa dedícase a promover a coordinación entre clubs de prensa de distintos países europeos, organismos independentes e consultivos que aglutinan profesionais da comunicación. O seu obxectivo é favorecer o intercambio de experiencias e informacións, así como poñer ao servizo dos xornalistas medios que faciliten a súa labor.

Integrada por 17 membros de 12 países, a federación reúnese unha vez ao ano para debater cuestións internas e orzamentarias e admitir novos socios, así como para rotar a súa presidencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023