A Xunta avoga polo talento xuvenil pola súa contribución para construír unha Galicia máis innovadora con máis oportunidades

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe na apertura en Santiago de ‘Talentia Summit’

Sinalou que o orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 revalidará programas de axudas para incentivar a contratación da mocidade no eido do I+D+i e garantir prácticas profesionais aos máis novos

Destacou que a Rede de polos de emprendemento tamén está a impulsar as iniciativas empresariais da mocidade galega
 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe na apertura de Talentia Summit, unha feira virtual do emprego centrada na innovación, a tecnoloxía e o talento, onde puxo en valor a aposta da Xunta polo talento xuvenil como clave na diversificación económica. En palabras de Fernández, o novo talento contribúe a dinamizar a economía e a construír unha Galicia con máis e mellores oportunidades.

A Xunta está a impulsar as iniciativas empresariais da mocidade a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que está a despregar por toda Galicia. Tamén vía convenio, coas universidades públicas galegas, para atraer a comunidade educativa ao autoemprego. Así mesmo, o secretario xeral salientou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade revalidará en 2024 programas de axudas cos que se busca mellorar as oportunidades laborais da mocidade galega no eido do I+D+i e garantir prácticas profesionais aos máis novos.

Investigo, que impulsa a contratación de investigadores e tecnólogos, persoal técnico e outros profesionais en I+D+i, favoreceu en 2023 a contratación de case 300 persoas e contará cun orzamento que crece ata os 4 millóns de euros o vindeiro ano. Pola súa banda,  o programa de incentivos para a contratación de mozas e mozos en prácticas ou formación, Talento 30, facilita un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego. Destinaranse máis de 4 millóns de euros coa idea de beneficiar 400 persoas.

En definitiva, Fernández salientou a importancia de promover o emprego xuvenil e avogou por incidir nos eidos das novas tecnoloxías e na innovación porque, nas súas palabras, están transformando o mercado de traballo e son nichos de emprego.

Data de actualización: 10/11/2023