O director xeral de Pesca asiste á Xornada Internacional de Economía Azul

A Xunta destaca a importancia do desenvolvemento da Economía Azul no futuro e sostenibilidade do sector marítimo pesqueiro

Antonio Basanta puxo en valor o traballo realizado ata o momento polo Goberno galego na elaboración da Axenda da Economía Azul Sustentable de Galicia

O evento ten como obxectivo a creación dun espazo de colaboración e innovación entre os diferentes actores do ecosistema da economía azul de Galicia
 

Vigo, 9 de novembro de 2023

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, destacou a importancia do desenvolvemento da economía azul no futuro da actividade da cadea mar industria polo que puxo en valor o traballo que se ven realizando desde a Xunta de Galicia na elaboración da Axenda da Economía Azul Sustentable de Galicia. O director xeral fixo estas manifestacións na inauguración da Xornada Internacional de Economía Azul organizada pola fundación Europea para a Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico (Intec) en Vigo.

O representante autonómico salientou o papel destacado que xoga Galicia no ámbito dos investimentos no eido como a pesca, a acuicultura ou o marítimo portuario e na creación dunha gran cantidade de proxectos de investigación postos en marcha para fomentar a cooperación co sector. Nesta liña, e en relación ao Blue Growth, sinalou as iniciativas relacionadas coa biotecnoloxía mariña e a conservación do medio ambiente mariño levadas a cabo polo Centro Tecnolóxico do Mar- Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar.

Esta cita ten entre outros obxectivos a creación dun espazo de colaboración, innovación e desenvolvemento empresarial entre os diferentes actores do ecosistema da economía azul galega así como identificar oportunidades de negocio e abordar os desafíos e solucións aos que se enfronta actualmente. Entre os participantes destacan empresas e organizacións referentes da cadea mar como Conxemar, Anfaco, Nueva Pescanova, Iberconsa ou Mascato aos que se sumaron as tres universidades galegas e o Cetmar.

Formación nos directivos

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou na masterclass Perspectivas da economía mundial e impacto do sector alimentario impartida polo director xeral de Consulta Aberta, e ex-conselleiro do Fondo Monetario Internacional, Mario Weitz na que se abordaron os principais desafíos aos que se enfronta o sector. O evento, organizado polo Cluster alimentario de Galicia (Clusaga) e a Universidade Intercontinental de la Empresa (UIE), está enmarcado no novo programa de Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias posto en marcha por ambas entidades. Na conferencia abordouse a situación global da economía mundial e española, deténdose especialmente no sector alimentario, e a influencia da guerra de Ucraína, a suba dos tipos de interese, a inflación ou a recesión global. Ademais, sinaláronse as claves no desenvolvemento futuro vencelladas á revolución tecnolóxica como son a robótica ou a intelixencia artificial.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 09/11/2023