O conselleiro do Mar visita a praza de Abastos de Santiago de Compostela

A Xunta promociona o consumo das especies de peixe máis descoñecidas nas prazas de abastos de Galicia

Alfonso Villares resalta a importancia de dar a coñecer os produtos da pesca artesanal e fomentar o seu consumo como piar dunha dieta equilibrada e saudable

Esta acción busca tamén visibilizar a marca PescadeRías entre os consumidores e informar sobre os procesos de etiquetaxe e trazabilidade e seguridade alimentaria

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a importancia de promover a pesca artesanal como modelo sustentable así como promocionar os seus produtos entre os consumidores como pilar dunha dieta equilibrada e saudable. O conselleiro fixo estas manifestacións durante a súa participación na acción realizada polo selo PescadeRías na praza de Abastos da capital galega co obxectivo de informar aos consumidores sobre as especies menos coñecidas e aspectos relevantes da súa comercialización como a etiquetaxe, a trazabilidade e a seguridade alimentaria.

O titular de Mar puxo en valor a excelente calidade do peixe e mariscos galegos e as súas importantes propiedades nutricionais e culinarias que son a base da dieta atlántica. Ademais de resaltar a importancia duns hábitos alimenticios equilibrados e saudables, sinalou o traballo dos profesionais da pesca artesanal como modelo dunha actividade sustentable e respectuosa co medio ambiente, estreitamente vencella a identidade cultural galega e ao seu mar.

Durante o evento realizouse unha visita guiada pola praza de Abastos santiaguesa dando a coñecer as diferentes especies que se poden atopar neste espazo comercial nas distintas épocas do ano, facendo especial énfasis en dar especial visibilidade á variedade de produtos e especies de menos consumo e máis descoñecidas. Tamén se realizou un obradoiro práctico de recoñecemento de moluscos bivalvos e unha demostración de cociña na que fixo dúas elaboración de produtos de tempada que foi pechada cunha cata a cargo do chef Diego Dómínguez (Nómade e Aesteria).

 

‘PescadeRías, de onde se non?’

A marca ‘PescadeRías, de onde se non?’ é un selo de identidade creado pola Consellería do Mar no ano 2008 para a promoción e defensa dos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal e para que estes podan ser claramente diferenciados no mercado e polos consumidores. Hoxe este distintivo é unha garantía de frescura, calidade, respecto medioambiental e de aplicación das prácticas hixiénicas e de manipulación adecuadas por parte dos produtores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023