O delegado territorial da Xunta e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras reúnense co alcalde de Xinzo de Limia para abordar a situación asistencial da especialidade de Pediatría no centro de saúde

O delegado territorial e o xerente explicáronlle ao alcalde que se intentará cubrir temporalmente con prolongacións de xornada doutros profesionais da contorna mentres se trata de ocupar esa praza mediante a oferta pública de emprego ordinaria

Galicia é unha das poucas comunidades onde a atención pediátrica nos centros de saúde é realizada en case o 90% dos casos especificamente por especialistas en pediatría
 

Ourense, 9 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial, mantiveron esta mañá unha reunión co alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, para abordar a situación asistencial da especialidade de Pediatría no centro de saúde de Xinzo de Limia.

Ante a situación de baixa médica dun dos facultativos, o delegado territorial e o xerente explicáronlle ao alcalde que se intentará cubrir temporalmente con prolongacións de xornada doutros profesionais da contorna mentres se trata de ocupar esa praza mediante a oferta pública de emprego ordinaria, o vindeiro concurso de traslados ou, de ser necesario, un concurso de méritos específico sen oposición utilizando a Lei de medidas urxentes para prazas de difícil cobertura que aprobou a Xunta en 2022.

Gabriel Alén e Félix Rubial salientaron que dende a Xunta faise unha aposta decidida polos pediatras de atención primaria, e isto é por todos coñecidos xa que Galicia conta cunha das taxas máis baixas de ocupación de prazas de pediatría por parte de médicos de familia.

Galicia é unha das poucas comunidades onde a atención pediátrica nos centros de saúde é realizada en case o 90% dos casos especificamente por especialistas en Pediatría. E no 10% restante, a atención é realizada por médicos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, cunha formación sólida no campo da Pediatría.

O número de pediatras en Galicia mantense a pesar do descenso da natalidade. Aínda así, sinalar unha vez máis que o Servizo Galego de Saúde está na continua procura de pediatras tanto para substituír os profesionais de baixa como para cubrir as vacantes que van quedando libres.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023