Martina Aneiros pon en valor o novo modelo de coidados do Goberno galego durante a inauguración da exposición fotográfica Miradas en Ferrol

A delegada territorial da Xunta sinala que a mellora do sistema de atención pasará por crear centros máis parecidos a un fogar, máis tecnolóxicos, máis coordinados a nivel sociosanitario e tamén con espazos máis reducidos e privados para os usuarios

A mostra, promovida pola asociación cultural Camiño da Artesanía, recolle 130 instantáneas protagonizadas por usuarios da residencia de maiores de Foz que posan coas máscaras deseñadas por máis dun centenar de artesáns

Ferrol, 9 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros interveu esta mañá na Sala Curuxeiras na inauguración da exposición fotográfica Miradas, promovida pola asociación cultural Camiño da Artesanía. A mostra centra o interese en como un elemento “disruptivo e incómodo como foron as máscaras durante a pandemia, se poden chegar a converter en elementos novos e creativos para seren empregados como recurso terapéutico para os maiores”, destacou Aneiros.

Durante a súa intervención Aneiros puxo o foco nas “aprendizaxes que non podemos nin debemos esquecer” trala pandemia da covid-19. “Sabemos que nas crises sanitarias, sociais e económicas, son as persoas que atravesan as situacións máis precarias, as que mais sofren”, indicou en alusión as persoas maiores ingresadas en centros xeriátricos.

A este respecto, avanzou que o Goberno galego ten elaborado un novo modelo de coidados no que se recollen as leccións aprendidas durante a crise e no que se busca mellorar o sistema de atención pasando por “crear centros máis parecidos a un fogar, máis tecnolóxicos, máis coordinados a nivel sociosanitario e tamén con espazos máis reducidos e privados para os usuarios”, dixo.

A exposición, que se pode visitar ata o 19 de novembro, está conformada por 130 instantáneas protagonizadas usuarios da residencia de maiores de Foz que posan cunhas máscaras deseñadas por máis dun cento de artesáns que, respondendo ao chamamento emitido polo centro, remitiron as súas pezas de artesanía desde distintos puntos do territorio nacional e mesmo desde outros países como Grecia, Italia, Reino Unido, Chile ou Arxentina. O proxecto, que agora se recolle en imaxes, deu como resultado un incremento do benestar e da motivación dos residentes deste centro lucense, segundo indicaron desde a entidade, grazas á expectativa de descubrir como sería a máscara do día seguinte.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023