A directora xeral de Patrimonio Natural presentou unha publicación sobre esta materia elaborada polo profesor universitario Íñigo Pulgar

A Xunta salienta a flora vascular do Parque Natural da Baixa Limia como ferramenta fundamental para a conservación da biodiversidade

Do Campo salientou o carácter mixto da flora desta contorna, na que están rexistradas 807 especies vasculares, das que 171 son endémicas da Península Ibérica e, desas, 71 teñen unha área restrinxida

Lobios (Ourense), 8 de novembro de 2023

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, puxo en valor a flora vascular do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés como ferramenta fundamental para a conservación da biodiversidade.

Durante a presentación da publicación elaborada polo profesor universitario, Íñigo Pulgar, sobre esta materia, Belén do Campo salientou o carácter mixto da flora desta contorna, na que están rexistradas 807 especies vasculares, das que 171 son endémicas da Península Ibérica e, desas, 71 teñen unha área restrinxida.

Nesa liña, esta obra supón un importante instrumento tanto para biólogos, botánicos ou persoas interesadas por esta materia como para os visitantes do parque natural. A maiores, ademais de servir como fonte de información para materiais didácticos experimentais e/ou teóricos, tamén contribuirá a concienciar á poboación local da riqueza ambiental que atesoura este espazo protexido e a desenvolver unha cultura de protección do territorio e das súas especies.

Máis polo miúdo, segundo explicou a directora xeral, esta publicación sobre a flora vascular achega información sobre a súa área de distribución a nivel global e peninsular; sobre a ecoloxía e hábitat onde é posible atopalas; a súa abundancia relativa dentro do parque, así como a localización xeoreferenciada dos exemplares herborizados nas últimas décadas.

Cómpre indicar que se inclúe tamén a catalogación e localización tanto das especies exóticas invasoras, de cara a facilitar, na medida do posible, a súa eliminación, como das especies ameazadas. En canto a estas últimas, do Campo subliñou que nalgúns casos se achegan datos cuantitativos das poboacións existentes, información fundamental para diagnosticar a súa evolución.

No acto de presentación, ao que tamén asistiron representantes municipais dos concellos de Lobios, Bande, Lobeira e Muíños, e membros da xunta reitora do parque natural, a directora xeral agradeceu a colaboración que tanto os axentes medioambientais e vixiantes de recursos naturais como os representantes das comunidades de montes prestaron ao autor durante o traballo de campo necesario para levar a cabo esta publicación.

Para concluír, do Campo salientou o coñecemento que o autor ten sobre a flora deste parque natural. Íñigo Pulgar, ademais da súa experiencia como profesor asociado na área de Botánica do Departamento de Bioloxía Molecular e Enxeñería Bioquímica da Universidade Pública Pablo de Olavide (Sevilla), fixo a súa tese doutoral sobre La vegetación de la Baixa Limia y las sierras del entorno.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023