Rueda anuncia un proxecto de humanización das salas de espera dos hospitais de día oncohematolóxicos

Asegura que o obxectivo é facer “mais agradable” o tempo que dura o tratamento da quimioterapia habilitando entornos “amables”, amplos e dotados de mais comodidades

A Xunta reserva 1,5 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano para actuar nos espazos de Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense e Vigo

Recorda que na Coruña e Lugo xa se acometeron esas melloras, e que en Pontevedra se incluirán no novo hospital

O Goberno está a investir 110 millóns de euros no Complexo Hospitalario de Santiago, incluíndo a ampliación do mesmo e o futuro centro de protonterapia
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego acometerá un proxecto de humanización das salas de espera dos hospitais de día oncohematolóxigos galegos. “O obxectivo é facer que o tempo de espera durante o tratamento sexa máis agradable, nun entorno amable, no que ter máis espazo e comodidade”, indicou.

Nunha visita ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), na que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o titular do Executivo galego considerou que a humanización de espazos destinados aos doentes non é unha opción, senón que constitúe unha peza fundamental da atención sanitaria. Nesta liña salientou o obxectivo da Xunta de avanzar cara “unha medicina o máis humanizada posible” xa que “a medicina sempre se destina a persoas” e, por iso, cómpre ter sempre presentes aos doentes e os seus acompañantes á hora de tomar decisións no sistema sanitario.

Para avanzar nese obxectivo, os orzamentos do próximo ano reservan 1,5 millóns de euros para habilitar melloras nas salas de espera que empregan os pacientes que acoden a tratamentos de quimioterapia en Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense e Vigo. Con ese investimento, ampliaranse espazos, como en Santiago, ademais de instalar novo mobiliario e deseñar unha estética agradable. Tal e como explicou Rueda, estas melloras xa se acometeron na Coruña e Lugo, e en Pontevedra incluiranse no novo hospital que se está construíndo.

Deste xeito, o Goberno galego segue avanzando na súa estratexia de humanización da sanidade galega, como se está facendo tamén na adaptación de todas as UCIs galegas para que conten con cubículos individuais que garantan un entorno máis humanizado e íntimo.

Compromiso co CHUS

Por outra banda, a Xunta está a investir 110 millóns de euros no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, entre as actuacións referidas á súa ampliación e o futuro centro de protonterapia, que se construirá ao lado destas instalacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023