O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para valorar o impacto desta medida nas familias galegas

A Xunta avanza na tramitación do Bono Deporte para a súa entrada en vigor en xaneiro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do procedemento para a selección da entidade colaboradora que participará na entrega e distribución das axudas de 120 euros

A iniciativa permitiralles ás familias sufragar as compras de material e equipamento, a asistencia a clases ou a realización de actividades deportivas da rapazada de 6 a 16 anos con licenza federada ou inscrita no programa Xogade

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, compareceu hoxe no Parlamento para dar resposta a unha pregunta sobre o impacto nas familias galegas da creación do Bono Deporte, a nova medida de apoio á práctica deportiva impulsada pola Xunta. Segundo sinalou Diego Calvo, tras o anuncio da iniciativa en setembro, o Goberno galego avanza na súa posta en marcha para que entre en vigor en xaneiro de 2024 e contribuír así a aliviar as familias de gastos nun contexto de inflación e incerteza.

 

Así, como primeiro paso, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do procedemento para a selección da entidade colaboradora que participará na entrega e distribución das axudas. O seguinte paso será a aprobación o próximo mes da orde para que os establecementos comerciais ou entidades prestadoras do servizo podan adherirse ao programa.

 

Trátase de bonos de 120 euros cos que se poderá sufragar ata o 80 % das compras de material e equipamento, a asistencia a clases ou a realización de actividades deportivas da rapazada de 6 a 16 anos con licenza federada ou inscrita no programa Xogade.

 

Dotada cun orzamento de 16,2 millóns de euros, a medida busca, por unha banda, impulsar a inclusión de hábitos saudables a través da actividade física nas xeracións máis novas e, por outra, proporcionarlles ás familias apoio económico fronte aos custos deportivos dos seus fillos e fillas. O vicepresidente primeiro indicou que se prevé beneficiar máis de 135.000 deportistas.

 

Diego Calvo enmarcou a medida no traballo que está a facer a Xunta a prol do deporte en Galicia, como motor de saúde e de benestar. Nesta liña referiuse ao incremento de case un 30 % das licenzas federadas rexistrado en Galicia en 2022 con respecto ao ano anterior, como mostra da boa marcha da práctica deportiva.  

O lanzamento do Bono Deporte enmárcase no compromiso da Xunta co deporte base e complementa outras medidas pioneiras en Galicia como o seguro gratuíto para participantes do programa Xogade, cun orzamento de 4,3 millóns ata 2024. Ademais, o orzamento récord de máis de 56 millóns de euros co que contará o deporte galego o vindeiro ano recolle 8 millóns de euros para apoiar o tecido asociativo e 17,5 millóns de euros para a creación e mellora de infraestruturas deportivas nas catro provincias galegas.

Data de actualización: 08/11/2023