A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade participaron no acto de inauguración deste novo centro de apoio ao emprego

A Xunta eleva a 11 o número de Polos de emprendemento en Galicia coa posta en marcha do de Melide, que consolida a presenza da rede no rural

A Rede de polos -que acadará os 15 centros ao remate do ano- atendeu ata agora máis de 700 persoas emprendedoras en toda a Comunidade, ás que se prestaron máis de 2.200 titorías de asesoramento para sacar adiante os negocios

En 2024, o orzamento para darlle un pulo ao emprendemento increméntase nun 51,6% -ata os 30,6 millóns de euros- incluíndo 2,72 M€ para o mantemento dos Polos e 7 millóns en axudas para proxectos postos en marcha ao abeiro da Rede
 

Melide (A Coruña), 8 de novembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participaron hoxe no acto de inauguración do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Melide, que eleva a once o número destes centros activos en toda a Comunidade e a tres os dispoñibles na provincia da Coruña, tras os de Ferrol e Coristanco.

Durante a súa intervención, a vicepresidenta segunda incidiu no compromiso do Goberno galego por fixar poboación no rural a través de “políticas transversais” coas que afrontar as peculiaridades do noso territorio garantindo a calidade de vida da cidadanía así como a prestación adecuada de servizos.

Nesa liña, puxo en valor os polos de emprendemento e emprego ao ser unha auténtica rede de acompañamento e asesoramento para desenvolver iniciativas empresariais que contribúan a crear oportunidades para a poboación da contorna.

A maiores, Ángeles Vázquez subliñou que, ademais do emprego e a formación, outro factor que inflúe no asentamento da poboación é o acceso á vivenda. De feito, o vindeiro ano Goberno galego vai destinar máis de 169 millóns de euros a políticas de vivenda. Así, as axudas destinadas á compra de vivendas en municipios de ata 10.000 habitantes dirixidas a menores de 35 anos contarán cun orzamento de 1,9 millóns de euros, un 27% máis que na convocatoria de 2023.

Pola súa banda, a titular de Promoción do Emprego e Igualdade sinalou que o novo Polo de Melide confirma a aposta polo rural á hora de situar este servizo clave para xerar riqueza pegada ao territorio. Este é o obxectivo dos Polos do emprendemento e apoio ao emprego que -desde a súa posta en marcha en xullo do ano pasado- atenderon máis de 700 persoas ás que se lles prestaron máis de 2.200 titorías. Canto aos sectores dos seus negocios, destaca o comercio ou a hostalaría, pero tamén o sector primario.

Na súa intervención, Elena Rivo puxo en valor que a Rede de polos xorde para ofrecer un acompañamento continuado das persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que vaian pasando os seus proxectos. A finalidade é acadar os 15 centros activos ao remate do ano, para cubrir o cen por cento do territorio galego.

Cómpre engadir que o orzamento para darlle un pulo ao emprendemento increméntase nun 51,6% o ano que vén con respecto a este 2023, ata acadar os 30,6 millóns de euros. Dentro dese importe, inclúese 2,72 millóns para o mantemento dos Polos e 7 millóns en axudas para proxectos postos en marcha ao abeiro da Rede. Así mesmo, cabe destacar os 10,5 millóns de euros de axudas para apoiar o inicio e a consolidación de iniciativas de emprendemento; os 2,2 millóns para a posta en marcha do Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación para o Emprego; 1,8 millóns para unha bolsa de substitución de negocios que garanta a remuda xeracional e a continuidade das empresas e case 1 millón para actuacións con entidades de cara ao fomento do emprendemento. Así mesmo, implementarase a Estratexia galega de emprendemento, cun impulso coordinado con todos os axentes implicados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023