Sanidade convoca na oferta 2023-2024 a totalidade das prazas acreditadas relacionadas coa saúde mental

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña destaca, no Parlamento de Galicia, o esforzo da Xunta na contratación de novos profesionais do eido da saúde mental

O titular da carteira sanitaria remarca que Galicia foi unhas das primeiras comunidades en definir unha folla de ruta para abordar os problemas de saúde mental, que se teñen incrementado logo da pandemia

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no Parlamento de Galicia, que o esforzo da Xunta na contratación de novos profesionais do eido da saúde mental correspóndense, tamén, co incremento da formación sanitaria especializada nos últimos anos, ata acadar na oferta para o período 2023-2024, a totalidade das prazas acreditadas, un total de 52, entre persoal médico e de enfermería.

Comesaña resaltou que o incremento de prazas foi dun 73,3 % nesta lexislatura e dun 136,3 % dende o ano 2009, e da oferta actual en relación coa do pasado ano, o conselleiro dixo que o incremento foi dun 13 %. Destacou, así mesmo, que Galicia ofertou as primeiras prazas da especialidade de psiquiatría infantil en canto se aprobou a nova especialidade, o pasado ano.

O responsable da sanidade pública galega incidiu en que Galicia foi unhas das primeiras comunidades en definir unha folla de ruta para abordar os problemas de saúde mental, que se teñen incrementado logo da pandemia. Dita folla de ruta plasmouse no Plan de saúde mental 2020-2024, que conta cunha memoria asistencial detallada e unha dotación orzamentaria de 83 millóns de euros para os catro anos, dos que 36 millóns están consignados a un aumento progresivo de persoal, ata crear 241 prazas.

No vindeiro ano, o Plan suporá un incremento anual de case 17 millóns de euros no gasto en saúde mental da sanidade pública galega, no que, ademais das novas prazas, inclúense investimentos en infraestruturas e equipos para as novas unidades.

Comesaña dixo que no 2024 o seu departamento completará a cobertura efectiva das prazas creadas, en boa medida grazas á oferta preferente mediante o concurso de méritos de 175 desas prazas, das que 44 son de psiquiatría, 37 de psicoloxía e 94 de enfermería especialista. Trátase dun proceso extraordinario que se resolverá este ano para que os profesionais poidan acceder a estas prazas de maneira estable.

Cómpre remarcar o aumento do número de profesionais dedicados á atención infanto-xuvenil. Ao respecto, sinalar que do aumento do 41 % de psicólogos clínicos que houbo no Sergas, o 26 % foron destinados a este ámbito. No que se refire ao persoal de psiquiatría, aumentouse nun 27% dende a posta en marcha do Plan de saúde mental, destinándose un 25 % ao apartado infanto-xuvenil.

O responsable do Sergas incidiu en que, grazas ao Plan, a saúde mental tivo, nesta lexislatura, un gran salto en moitos aspectos. En concreto, vaise pasar de cero a sete hospitais de día para desenvolver terapias intensivas de rapaces con problemas de saúde mental. No que respecta ás unidades de hospitalización psiquiátrica infanto xuvenil, o conselleiro dixo que está funcionando a de Santiago e, no vindeiro mes, comezará a facelo a do sur de Galicia, en Vigo.

Tamén destacou a implantación do Programa YAM, que converte a Galicia en pioneira na posta en marcha dun novo modelo de prevención do suicidio na mocidade.

Para rematar a súa intervención, o titular da carteira sanitaria agradeceu o traballo que levan a cabo os profesionais do ámbito da saúde mental.

 

Data de actualización: 08/11/2023