A Xunta prepara unha nova edición das Catas dos meles e queixos de Galicia

Os equipos de recollida de mostras da Axencia Galega da Calidade Alimentaria comezarán mañá este traballo, no que visitarán as máis de 50 industrias inscritas
 

Os días 14 e 15 de novembro resolverase cales son os mellores meles e queixos entre os participantes
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, está a preparar a XXII edición das Catas de Meles e a XXVI das Catas de Queixos, que recoñecerán neste mesmo mes aos mellores produtos galegos nestes dous ámbitos.

Os equipos de recollida de mostras da Axencia comezarán mañá, 9 de novembro, a facer este traballo. Ata o 14 de novembro, desprazaranse polas máis de 50 industria, entre envasadoras de meles e queixerías de toda Galicia, que están inscritas nestas catas e das que se coñecerán os premiados os días 14, no caso dos meles, e o 15, nos queixos.

Na Cata de Meles participarán 52 mostras -31 monoflorais e 21 multiflorais- pertencentes a 25 industrias da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. O 64% das envasadoras que forman parte da IXP estarán presentes nestas catas.

 

En canto á Cata de Queixos, as mostras comezarán a recollerse no 13 de novembro, xusto antes do inicio das catas e co único obxectivo de manter as mostras nas mellores condicións para as degustacións. Na cata haberá 18 mostras da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo Tetilla, 20 serán da DOP Arzúa-Ulloa -catro deles curados-, seis da DOP San Simón da Costa e, finalmente, haberá dúas da DOP Cebreiro.  

Preto de 30 queixerías participan nesta cata, estando algunha delas en máis dunha denominación de orixe. O resultado é que o 80% das queixerías inscritas nalgunhas destas denominacións de orixe, estará presente na cata. 

O desenvolvemento das catas será baixo un total anonimato das mostras, cun sistema de numeración e remuneración de mostras que garante a imparcialidade do proceso de principio a fin. 

Aposta pola calidade

A través destas catas resáltase a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores queixos e meles como uns produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da comunidade. Así, a organización outorgará un trofeo e diploma que indique o posto acadado, dependendo do lugar e da categoría na que se atopen os participantes.

Este tipo de propostas poñen en valor a calidade dos produtos galegos, algo polo que a Xunta aposta decididamente. Exemplo diso é a nova Lei de calidade alimentaria, que está en tramitación no Parlamento, e que busca dotar aos produtos alimentarios galegos dunha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva.

Data de actualización: 08/11/2023