A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron un encontro coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín

A Xunta traslada ao concello de Santiago unha proposta de colaboración para mellorar a integración urbana do Hospital clínico e favorecer o acceso á sanidade pública

A Xunta aposta por abordar a ordenación e integración urbana do hospital a través dun Proxecto de Interese Autonómico que se compromete a tramitar

O Goberno galego está a executar a ampliación e modernización do Hospital Clínico e a construción dun centro de protonterapia, cun investimento de máis de 110 M€

Pide a implicación do Concello de Santiago no desenvolvemento urbanístico do hospital, tendo en conta que é un asunto de ordenación de cidade, tal e como están a facer tamén os municipios de Pontevedra e da Coruña

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023

A Xunta trasladou esta mañá ao Concello de Santiago unha proposta de acordo de colaboración para mellorar a integración urbana do Hospital Clínico e favorecer o acceso á sanidade pública.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron hoxe un encontro coa alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín. No encontro tamén participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro; e a directora de Recursos Económicos da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, María José López; ademais do concelleiro de Mobilidade, Xan Duro; e do concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás.

O Goberno galego está a executar a ampliación e modernización do Hospital Clínico e a construción dun centro de referencia en protonterapia, cun investimento que supera os 110 millóns de euros.

Para favorecer o acceso dos cidadáns aos servizos da sanidade pública, a Xunta elaborou un estudo de mobilidade na contorna do Hospital Clínico, que foi remitido xa en semanas pasadas ao Concello. Esta análise recolle un conxunto de intervencións a acometer por parte das administracións autonómica e municipal.

Considerando os resultados arroxados polo estudo de mobilidade efectuado pola Xunta, a proposta de acordo hoxe presentada recolle os compromisos a asumir por cada administración.

A proposta de acordo trasladada pola Xunta ao Concello de Santiago é similar aos firmados cos concellos de Pontevedra ou A Coruña para a renovación de infraestruturas hospitalarias destas cidades, polo que a Xunta pediu tamén a implicación do Concello de Santiago no desenvolvemento urbanístico do hospital, tendo en conta que é un asunto de ordenación de cidade.

 

Compromisos

Tal e como establece a proposta de acordo trasladada ao Concello, a Xunta asumiría a realización dos trámites para a aprobación dun Proxecto de Interese Autonómico que desenvolve a proposta de reordenación da contorna do complexo para dotalo das necesarias prazas de aparcadoiro e mellorar a accesibilidade.

O Executivo autonómico tamén se compromete a elaborar o proxecto técnico das obras de dotación de novas prazas de aparcadoiro e de humanización, así como contratar a súa execución e supervisión con cargo aos orzamentos autonómicos.

A Xunta manterá informado ao Concello ao longo do proceso de redacción do proxecto técnico para que poida presentar suxestións sobre cuestións que afecten ás competencias locais.

Nas responsabilidades da Xunta tamén figura a habilitación de prazas de aparcadoiro provisionais na contorna do hospital mentres se estean a executar as obras.

Ademais, a Xunta continuará a traballar para mellorar ao acceso ao Hospital en transporte público interurbano, como xa fixo nas comarcas de Deza e Barbanza.

No que se refire aos compromisos do Concello de Santiago, tal como xa sinalara o estudo de mobilidade realizado, debe levar a cabo a mellora dos servizos de transporte urbano cara ao hospital, de modo que se rebaixen as frecuencias entre 5 e 10 minutos e se reforce a cobertura.

A proposta de acordo tamén contempla entre os deberes municipais a rebaixa das tarifas do aparcadoiro concesionado polo Concello, igualándoas ás que a Xunta está a implantar nos aparcamentos de hospitais xestionados polo Goberno galego.

O Concello de Santiago deberá elaborar o proxecto de obras situadas fóra da parcela do hospital, concretamente o remate da glorieta prevista na confluencia da rúa Volta do Castro e Travesa da Choupana.

No que respecta ao financiamento, proponse que o Concello contribúa cunha achega de 4,3 millóns de euros para dotar o hospital das prazas de aparcadoiro precisas e mellorar a accesibilidade dentro do ámbito hospitalario.

Esta cantidade supón unicamente un 4% do investimento que realizará a Xunta no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; unha contía similar en porcentaxe ao que está a achegar o Concello de Pontevedra no caso do Hospital Gran Montecelo e o Concello da Coruña no caso do Novo CHUAC.

Concretamente, nos acordos acadados coa Xunta, os Concellos de Pontevedra e da Coruña achegan uns investimentos de 11,8 M€ e 22,2 M€, respectivamente, para acometer as actuacións necesarias nos accesos e viarios das contornas dos complexos hospitalarios, así como as acometidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2023