A fase final do certame celebrouse a pasada fin de semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela

A Xunta concede o primeiro premio do programa Xuventude Crea na especialidade de teatro ao grupo vigués ‘As Guapilongas’ pola obra Prázdno

En segundo lugar quedou ‘Sarabia Teatro’ de Arteixo con Diario dun tolo e o lucense ‘Teatro D´o Carón’ foi o terceiro coa peza Ao fin, Hamlet

Como novidade da edición deste ano, ofrecerase aos vencedores do certame a posibilidade de formación e mentorizaxe para axudalos nos inicios das súas carreiras profesionais

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia deu a coñecer hoxe os gañadores da fase final de Teatro do programa Xuventude Crea 2023 da Consellería de Política Social e Xuventude, que se celebrou a pasada fin de semana no Salón Teatro de Santiago. O xurado outorgou o primeiro premio ao grupo ‘As Guapilongas’, de Vigo, pola obra Prázdno.
 

En segundo lugar quedou a compañía ‘Sarabia Teatro’, de Arteixo, que puxo en escena Diario dun tolo, e o lucense ‘Teatro D’o Carón’ fíxose co terceiro premio coa peza Ao fin, Hamlet. Así mesmo, concedeuse unha mención de honra ao grupo ‘Erantres’ de Arteixo pola obra Tres mistos.

 

O número de obras que se presentaron a esta especialidade foron 12 e a metade delas chegaron á fase final. O grupo gañador recibirá un premio de 3.000 euros, o que quedou en segundo lugar levará 1.500 euros e a dotación económica para o terceiro clasificado é de 1.000 euros. Ademais, na edición deste ano, por primeira vez, a Xunta ofrecerá aos grupos vencedores a posibilidade de formación e mentorizaxe para poñer en marcha unha compañía teatral e axudalos así nos inicios das súas carreiras profesionais.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2023